Lembranzas e arte volvéronse a dar a man onte no Pazo da Cultura de Carballo con motivo da entrega dos premios e da inauguración da mostra do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís. Un total de 94 creadores -e 242 obras- tomaron parte nesta edición dun galardón que cada ano gaña en número e calidade -segundo destacou o alcalde, Evencio Ferrero- e que esta vez recoñeceu a cinco deles.
Juan Sidro Marín, cun retrato, e Adolfo Enríquez Calo, cunha instantánea dunha rapa das bestas, foron os gañadores dos accésits, mentres que o premio Especial Carballo correspondeulle a José López Pérez pola súa visión da rúa Coruña a través do retrovisor dunha moto, e o segundo galardón, a Roberto Milán -ausente onte- por unha composición dun bonsai sobre un corpo humano.
O simbolismo está tamén moi presente na imaxe da muxiá Teresa Búa Sambad que foi recoñecida polo xurado co primeiro premio do certame. Nela pódese ver a tres mozas coas súas cabezas tapadas con sacos. E elas foron, ademais, as encargadas de por a nota desenfadada do acto recreando xunto á galardoada o momento da instantánea.
López agradeceu en nome de todos a oportunidade que lles brinda o Concello de dar a coñecer as súas creacións e o alcalde aproveitou a cita para lembrar á Xosé Manuel Eirís (representado no acto pola súa irmá Pilar).
As obras premiadas poderanse visitar ata o 17 de abril xunto a unha interesante e variada selección das demais aspirantes, entre as que hai espazo para paisaxes exóticas e oníricas, espazos naturais coñecidos, propostas simbólicas e costumbristas, e mesmo algunha fotografía aérea da costa carballesa.