Un disfraz para o entroido

J.M. Canedo Aguiar

CARBALLO

04 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Está chegando o entroido e xa hai que ir pensando no disfrace. Bueno, eu xa o teño decidido. Ao longo da miña vida poucas veces me disfracei. De neno, con roupa vella e a típica careta de cartón. De adolescente lémbrome que me disfracei de Marco. Si o dos Apeninos a os Andes. Aquel que non daba atopado á súa nai. Non a atopaba, pois só a buscaba os sábados pola tarde. De Marco, si, cos meus mofletes vermellos, a miña carteira. A xente preguntábame polo mono e eu dicíalle «¿e logo non mo ves?», sinalando un mono de traballo, que levaba vestido.

No ano 1992, ano do Quinto Centenario, disfraceime de soldado (tamén chamado quinto): Barba branca e longa ata os xeonllos. «¿De que vas disfrazado?», «E logo ¿non o ves? De Quinto Centenario». Pero a verdadeira ilusión da miña vida era disfrazarme de Mosqueteiro, e así fixen noutro entroido.

Este ano, que están moi de moda as botas mosqueteiras, tiña pensado disfrazarme de muller. Comprei uns leggins, un blusón e unha perruca. Mireime ao espello: ¡Que asco de muller! Barriguda, con bigote e perilla. Todo hai que dicilo, as pernas téñoas moi bonitas. A perruca facíame ilusión poñela, dada a miña calvicie, pero afeitar o bigote e a perilla case que non. Se fose de Ardebullo vestiríame de muller.

Total que vou aproveitar as botas mosqueteiras negras, con pantalón negro, camisa negra, capa negra, anteface negro e sombreiro negro. Loxicamente voulle quitar a este último o Z, porque o Z é do Zorro (non de Zapatero) e voulle a por o R, porque o R é do Raposo (non de Rodríguez).