«Para moitos mozos é impensable ir ao botellón e non beber alcol»

M. V. M. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

13 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

A psicóloga Carmen Lamas Gesto (Tordoia, 1981) colabora coa Asociación Antidroga Vieiro dende hai cinco anos, cando comezou a impartir o programa de prevención escolar que a entidade puxo en marcha o pasado luns. Carmen, que traballa xunto con outras tres compañeiras, comezará a vindeira semana a impartir as clases no instituto larachés Agra de Leborís, onde explicará aos rapaces conceptos como a resistencia a presión de grupo, como establecer relacións saudables ou como afrontar a ansiedade.

-¿Cal é o obxectivo dos talleres que desenvolven cos rapaces?

-Nós queremos ensinarlles habilidades sociais cun obxectivo final, que teñan ferramentas para dicirlle que non ao tabaco, ao alcol e as outras drogas. O noso programa é preventivo, así que é difícil saber cal é o seu resultado co paso do tempo, pero o que si vemos é que os talleres gústanlles e inflúenlles máis do que pensan e iso é positivo.

-¿Notaron un gran cambio nos hábitos de consumo nos últimos anos?

-O que si notamos é que no caso do alcol o seu consumo cada vez está máis normalizado e que para a maioría dos rapaces é impensable ir ao botellón e pasalo ben sen beber alcol. En cambio, no caso do tabaco, por fortuna, o seu consumo é menos habitual nos institutos e os estudantes teñen unha visión moito peor.

-¿Que papel xogan as familias en todo isto?

-Como en todos os ámbitos da vida, o papel das familias é fundamental para previr o consumo de drogas. Temos comprobado, a través dos test que lles facemos os primeiros días que o primeiro contacto que os rapaces teñen co alcol é sempre no ámbito familiar, onde ven como algo normal que o neno probe o viño e non o senten como un perigo. Aínda hoxe a sociedade non é de todo consciente do dano que pode facer unha actitude permisiva fronte o alcol. Non é bo normalizar o seu consumo, porque un neno non distingue os límites.