O Concello de Camariñas entregou os premios do maratón fotográfico «Implícate» durante un emotivo acto no que?o coro da localidade cantou contra a violencia doméstica
12 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O famoso tema de Amaral Salir corriendo soou onte en galego e, como o orixinal, puxo o pelico de galiña a todos aqueles que se achegaron ata a Casa da Pedra de Camariñas, onde foron entregados os galardóns da terceira edición do maratón fotográfico Implícate , un certame organizado polo departamento de Servizos Sociais, Igualdade e Saúde, que ano tras ano gaña en calidade e que, sobre todo, segue a reclamar a igualdade entre homes e mulleres.
O coro da vila foi o encargado de emocionar a todos os asistentes coa súa interpretación de Saír fuxindo , a versión en galego da canción do dúo zaragozano, na que, como no orixinal, insistiron en iso de que «se tés medo, se estás sufrindo, tés que berrar e saír, saír fuxindo». Na Casa da Pedra, en cambio, ninguén marchou, todos quedaron para felicitar ao gañador deste ano, o finlandés Jouni Sakari Haapakoski, que acadou o premio á mellor imaxe, dotado con mil euros, cun impactante retrato da súa compañeira Tuuli Jartti.
O gañador recolleu feliz o seu galardón, igual que Xosé Manuel García Feijoo, que logrou o segundo lugar (400 euros) cunha explícita fotografía na que unha muller comparte partida de cartas con tres homes. Os outros dous premiados, Jesús Rocha Bouzas e Deborah Morate Núñez, tamén asistiron ao acto, que pechou o coro de Camariñas e no que o grupo de teatro infantil da localidade interpretou unha divertida versión do libro La Cenicienta que no quería comer perdices, de Nulina López Salamero e Myriam Cameros Sierra, unha fábula na que demostran que a estas alturas xa non fai falla ter un príncipe azul (pronto mudan de cor) para ser feliz.
A montaxe foi un ingrediente máis dun acto reivindicativo e prol da igualdade. Unha actividade que ano tras ano incrementa o seu éxito (este ano participaron no maratón máis de 40 persoas) e que repetirase o que vén. Porque nunca está de máis recordar que ás veces non é malo, senón todo o contrario, «saír fuxindo».