O programa PonteBen toma o relevo cunha proposta saudable

La Voz

CARBALLO

Só unhas poucas horas despois de poñer o punto final ás actividades do Outono Pondaliano, os responsables da Fundación Eduardo Pondal están xa listos para dar a coñecer a súa nova iniciativa. PonteBen é o título da proposta que hoxe mesmo darán a coñecer e que, como o seu nome indica estará enfocada cara o eido da saúde.

Nesta ocasión, a entidade con sede na aldea do Couto terá a colaboración de varias empresas locais dese sector (dentistas, parafarmacias, ópticas, nutricionistas, restaurantes e deportivas) para levar a cano diversas actividades coas que tratarán de fomentar hábitos saudables. A primeira delas será este domingo e terá continuidade os días 8, 12 e 19 deste mes.