«Non choremos porque a nosa lingua se transforme»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

Ferro Ruibal participou onte pola tarde no Simposio Pondaliano do Couto

10 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Outono Pondaliano do Couto (Ponteceso), no seo do Simposio, contou onte coa presenza de Xesús Ferro Ruibal (Pontevedra, 1944), lingüista, escritor e membro da Real Academia Galega, entre outros cargos. El falou sobre o Ben Falado , un microespazo audiovisual que dirixe e presenta. No senso da nosa lingua, Ruibal asegura que Galicia está vivindo unha época de «Rexurdimento forte», un proceso que non sempre chega a ser visible, di tamén, nos medios convencionais. É moita a creatividade que están a desenvolver os nenos, o mundo da investigación ou o das empresas (por exemplo, apunta que hai 170 viños distribuíndose polo mundo etiquetados en galego ou entidades como Celtic Estores, en Moraña, que dan bos pasos). Sinala a paixón que o galego esperta en estudosos estranxeiros, que mesmo traducen a nosa literatura.

-¿Percibe aínda falta de conciencia da riqueza lingüística que temos en Galicia?

-Este país está espertando e está vivindo algo que algún día se contará, algo que está pasando agora mesmo. Algún día descubrirase o filón que dá contar todo isto. Estanse facendo moitas cousas que non chegan a transcender ou que transcenden a través de espazos como Ben falado , un programa sobre a lingua galega, pero non só sobre a gramática ou o léxico, que tamén, senón que trata de capturar a utilidade social da lingua en todos os ámbitos. É un proceso que se está dando en moitos puntos do mundo, en América, en Asia ou en Oceanía, procesos de normalización. O que pasa é que non sempre se conta: nas últimas Olimpíadas de inverno, no Canadá, a televisión do país non só fixo retransmisións en francés e inglés, senón tamén en cinco linguas indíxenas. E é que as linguas non se diferencian polo número de falantes, senón por seren nativas ou non nativas. Curiosamente, son as nativas as que teñen máis problemas. Iso é algo que sucede en todo o planeta. As linguas son metáforas dos seres humanos e, como tal, agora, están tomando conciencia de dignidade. Todos os seres humanos somos iguais en dignidade, por tanto tamén todas as linguas son iguais en dignidade. Isto é un feito científico. Poida que os grandes medios lle presten só atención á confluencia do inglés, algo que en si non é malo, pero tamén hai movementos en dirección contraria.

-Vostede que traballa coa fraseoloxía, ¿non considera que hai moita que se vai perder entre os maiores e os novos?

-É certo que a riqueza dunha lingua non só está na gramática e o léxico. Tamén na fraseoloxía. Pero con ela ocorre que só se aprende de oído: canto un máis novo é, menos ten no seu haber. Só se aprende se se repite unha situación moitas veces e, nesa situación, a persoa escoita a outra xente dicir algo tipo « Home pequeno, fol de veneno» . Eu, que teño tido contacto con máis de 60.000 refráns, se agora me pide 25, quizais non os podería dicir, porque me falta a situación. Os maiores teñen moita riqueza fraseolóxica e os novos de hoxe chegarán tamén a ser maiores. Pero iso é algo que pasa en todas as linguas do mundo.

-Pero, en certo modo, nunca chegará da mesma maneira a un novo de hoxe en día e a un novo do futuro.

-As linguas son o resultado da nosa propia vida. Transfórmanse porque tamén cambiou a sociedade: na medida en que acontecen cousas, todo iso vai deixando un pouso nela. A lingua é, por tanto, o pouso da historia do pobo que a fala. Non choremos porque se transforme, é normal. Somos un pobo que ten unha lingua porque temos experiencias comúns. É como unha radiografía. Estase transformando agora mesmo e, considero, é unha transformación probablemente para ser unha lingua menos acomplexada, máis concienciada da súa dignidade, mesmo diría que máis galega. ¿Que hai forzas que traballan en sentido contrario? É certo, pero tamén o é que, a día de hoxe, hai moito entusiasmo polo galego, mesmo en persoas estranxeiras que se namoran de Galicia e que perciben nela un emocionante proceso de recuperación ou resurrección da súa identidade, de maneira cordial e con forza.