O GDR presentou a reedición da tese doutoral do historiador laxense, irmán do insigne xeólogo
15 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O GDR de Bergantiños colleu o traballo dun case que descoñecido Salvador Parga Pondal, traduciuno ao galego e vaino repartir, a partires de hoxe, por toda a zona.
Parga Pondal, segundo explicou José María Varela, amosa unha comarca descoñecida e sorprendente. Capaz de espabilar nun tempo moi difícil, nos primeiros anos 50, cando España viña dunha guerra civil e Europa aínda se recuperaba da segunda guerra mundial.
O traballo xurdiu por unha casualidade, segundo Varela Martínez, que será o encargado da distribución e presentación desta edición traducida ao galego por Xosé Manuel Varela.
Na casa de Jaime Valdés Parga, compañeiro de Parga Pondal en moitos paseos pola zona, apareceu a tese doutoral, da que só hai dous exemplares. O outro está no instituto Padre Sarmiento. Agora haberá 3.000 réplicas en bibliotecas de centros educativos, sociais e culturais de toda a zona, e os concellos de Bergantiños poderán usar o libro, de 500 páxinas, para regalos institucionais.
A súa importancia vén dada polo enorme traballo realizado por Salvador Parga Pondal, que percorreu toda a comarca e a describe dun xeito do que nunca antes se tivera noticia. Ademais, a obra está completada por sorprendentes fotografías de José Vidal de Laxe.
José María Martínez, que, con Xosé Manuel Varela, acudirá a todas as presentacións -onte compartiron mesa co xerente do GDR, Alberto Martínez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero-, sinala que o libro é «a biblia de Bergantiños», e destaca o pulo que tiña a zona, na que había ducias de serradoiros, pequenas explotacións e industrias de todo tipo. O maior interese deste traballo é o ben documentado que está. Salvador Parga Pondal non fala dun lugar que non visitara, acompañado nalgunhas ocasións do seu irmán Isidro.
Na realización desta iniciativa tamén participaron outras persoas, como Xosé Pumar Gándara, que foi o encargado que traducir os textos en latín que aparecen no libro. Polo momento haberá 3.000 exemplares que se poderán solicitar na sede do GDR en Buño, onde se deron cita onte máis de cincuenta persoas.
José María Varela sinalou que se cadra hai iniciativas que se consideran necesarias, pero destacou que hai moi poucas oportunidades para coñecer tan polo miúdo como era a zona na que vivimos e que iso pode darnos a oportunidade de atopar novas posibilidades, mesmo económicas, para o noso territorio.