Leva tres meses á fronte da patronal ceense, unha entidade que amosou nova vitalidade e tamén pasou por algunha polémica
04 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A Asociación de Empresarios de Cee é unha agrupación veterana que pasou, nos últimos anos, por un certo adormecemento. Hai uns meses que a entidade fíxose moito máis presente. Por unha banda pola organización de actividades que amosaron o interese da directiva de aportar novas ideas á patronal, pola outra, por distintos problemas e malentendidos que ao seu presidente, Rogelio Antelo Amigo (Arxentina, 1963) xa lle supuxeron algún que outro quebradeiro de cabeza e, esta mesma semana, ata desgustos persoais coa sabotaxe ao seu coche.
-¿Tiña vostede previsto presentarse ao cargo de presidente hai un tempo?
-Non tiña intención ningunha en ser presidente. Accedín á asociación hai cinco anos cando abrín a carnicería en Cee, desde xuño do 2009 estaba como vocal da nova directiva. A desgraza de Javier (Javier Periscal, o anterior presidente, falecido en accidente de tráfico) foi a que nos levou a plantexar novas eleccións e presentamos unha candidatura única que se decidiu que encabezara eu.
-E desde entón, en só tres meses, xa houbo algún que outro problema.
-Pola miña forma de ser, os paus fanme máis forte.
-Un deses problemas foi o da delimitación da zona de apertura dominical.
-Algo no que nós non tivemos nada que ver. O Concello mandou unha carta en novembro do 2009 pedíndonos que nos pronunciáramos sobre iso. En maio deste ano volveron a mandar outra insistindo. Pensamos que o lóxico era consultalo cos socios, pedir a súa opinión. Houbo unha asemblea xeral á que foron dez socios e enviouse unha enquisa á que só responderon 8 persoas. E somos 215 asociados. Por iso trasladámoslle ao Concello que non nos iamos pronunciar. Non entendemos por que se creou tanta alarma con algo no que non temos nada que ver.
-E falouse do peche.
-Pero aquí ninguén falou de peche, senón de delimitar a área de apertura. Non temos interese ningún en meternos niso. Se dúas persoas poden ter parecer distintos, más aínda 215. A mágoa é que moitos socios non trasladaran as súas inquedanzas á entidade.
-Outro dos momentos quentes dos últimos tempos foi a negativa ao último outlet.
-Nos tiñamos discrepancias coa empresa que o organizou. Primeiro porque só reservaban un 40% dos postos para os negocios de aquí, e tamén por cobrar entrada. Eu non teño constancia de ningún comercio que cobre por entrar. Entendo á empresa que o organizou e que o seu negocio sexa organizar outlets, pero todo o mundo ten que entender que eu son presidente dos empresarios de Cee, non dos de outro sitio, e que teño que defender aos comercios de aquí. Se se puidera facer nunha data axeitada para todos, ao mellor estabamos de acordo, pero para o sector téxtil, a dous días das rebaixas, foi un golpe que fixo dano.
-Vostedes xa fixeron un outlet e están pensando noutro.
-Estamos traballando para facelo en outono, e temos a ilusión de que se implique o comercio de Cee.
-Co Concello houbo discrepancias ultimamente, tanto co do outlet como coa zona de peche dominical. ¿Que tal co alcalde?
-Nós sempre tivemos toda a colaboración do Concello, tanto por parte da alcaldía como dos traballadores municipais. Con Ramón Vigo, para min, o trato sempre foi moi cordial, aínda que puideramos discrepar en algunhas cousas. No primeiro outlet que organizamos e na feira dos sabores, colaborou con nós en todo.
-¿En que andan a traballar?
-Estamos coa tarxeta Mercacee, un sistema para que os socios se fagan descontos entre eles e aos seus empregados nas súas tendas.
-¿Que lle gustaría mellorar na asociación?
-O que me gustaría é que os socios se implicasen máis, que amosaran as súas inquedanzas, que dixeran se lles interesa facer algo, e tamén que cada sector aportara un vocal á asociación. Que mellor que cada sector fale para dicir o que precisa.
-Falouse no seu día de recuperar a feira do automóbil.
-Falamos co sector. Dixéronnos que este ano non querían facelo. Se non queren, loxicamente, no se fai. Se se fixeron cursos para hostalería e vaise facer outro para a construción. Si puideramos facer algo que englobase a todos os sectores, estaría moi ben.
-¿Como lle sentou o do ataque ao seu coche?
-A este tipo de personaxes que fan cousas así é mellor non darlle moita importancia. Son poucos e non representan a ninguén. A quen lle toca sufrilos, resúltalle moi molesto moral e economicamente, pero a maioría, loxicamente, non aprobamos este tipo de cousas.
-¿Contento na asociación?
-As cousas están a saír ben. É certo que hai xente que che fai algunha crítica, pero moito veñen a darche a noraboa polo que fas. A maior parte da xente está contenta coa asociación.