O club local conta con máis de 30 deportistas nas súas filas e deseñou o percorrido da cita do domingo
23 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O Club Ciclista de Cee leva anos colaborando no Día da Bicicleta de Cee, que organiza Radio Voz e La Voz de Galicia. A cita é para este domingo, con saída ás once da mañá do Centro Comercial Finis Terrae, un dos patrocinadores do acontecemento -xunto a Lar e Ferroatlántica- desde onde partirá o pelotón fará facer un percorrido que, un ano máis deseñou o club ciclista local. Antonio González Franco (Ézaro, 46 anos) é o seu presidente.
-¿Como será o percorrido desta edición?
-É un percorrido coñecido, que xa fixeramos hai uns anos e agora recuperamos. Será duns 15 quilómetros, partindo do Centro Comercial Finis Terrae e pasando por Lobelos, Codesos, Pereiriña, Vilar de Toba e volvendo polo paseo ata Camiños Chans e con finalización na praza Oito de Marzo. Queriamos variar algo o trazado, que nos últimos tempos era sempre indo cara Gures.
-¿Hai algunha dificultade especial na etapa?
-Non é difícil, a parte máis difícil é a subida de Bazarra. O resto é terreo chan e baixadas. En principio poden ir rapaces desde oito e nove anos ata persoas de calquera idade. E ademais haberá un descanso para o avituallamento no parque de bombeiros.
-¿Como anda a afección ao ciclismo en Cee?
-No club somos uns 15 federados e haberá uns 20 máis que se apuntan a actividades, en total seremos entre 30 e 35. Mantémonos nun número constante, pero a idade media subiu, aínda que desde que estivo aquí o equipo do Karpin notouse un maior interese pola bici e moita xente animouse.
-¿Que representa para o club o Día da Bicicleta?
-O Día da Bicicleta é a ocasión que temos para que nos vexan en todo o ano. O resto do tempo participamos en probas do calendario de cicloturismo en Galicia e noutras clásicas como os Lagos de Covadonga ou o Quebrantahuesos, en Jaca, na que na última edición houbo 9.000 inscritos.
-¿Como está preparada a comarca para a práctica do ciclismo?
-Eu xa non pido que fagan máis carrís bici, pero estaría ben que as beiravías foran máis amplas e que se fixera un mantemento deles. O problema é que hoxe están cheos de cristais, de gravilla e de maleza.
-¿É complicado convencer aos mozos para que practiquen este deporte?
-O malo é que para poder facelo a nivel de competición tes que practicar catro ou cinco horas diarias. Tivemos algúns competindo, pero cando empezaron a traballar tiveron que deixalo. E moitos teñen a bici como xoguete, non como vehículo, e iso hai que cambialo.