Pequenas persoas, grandes ideas

Mar Varela

CARBALLO

Case 1.800 escolares galegos participaron no concurso de Sogama coas súas propostas para reducir os residuos en orixe

01 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Moitos de nós aprendemos a poñer o cinto nos coches grazas ás campañas que se facían nos colexios. Pero naquela época falar nas aulas da xestión de residuos era unha utopía. Hoxe en día, son os rapaces de primaria os que levan a voz cantante nesta materia e os centros escolares participan en iniciativas como a de Sogama. Nesta cuarta edición do programa Ti es a peza que falta , 1.767 escolares presentaron iniciativas para reducir o lixo que producimos nos fogares, nos centros de traballo ou nos colexios. Algunhas propostas son moi sinxelas. Desirée Mosquera Penas, ten 9 anos e é alumna da Colexiata do Sar. Ela propuxo repartir as responsabilidades no fogar e que cada membro se ocupe de recoller o tipo de residuo que ten asignado, dende o vidro aos envases lixeiros. Outras moitas propostas pasaban pola necesidade de poñer en marcha medidas educativas acompañadas de incentivos para motivar á poboación. Ese é o caso da santiaguesa Onelia García Castro, de 12 anos, que deseñou un concurso para xogar coa reciclaxe. Un pouco más alá vai Gonzalo Martínez Castro, de 11 anos. Este alumno da Colexiata do Sar cre que é imprescindible que os concellos regalen composteiros para facer abono natural nos fogares que dispoñen de campo. A súa familia está a vivir unha experiencia piloto e conta cOmo axuda na casa á hora de facer o compost. «Ás veces teño que lembrarlle á miña nai que todos os residuos orgánicos van para o composteiro», lembra Gonzalo. O santiagués engade que «o problema é que na aldea é máis complicado separar o lixo porque nin sequera hai contedores diferenciados». O presidente de Sogama, Luís Lamas, mostrouse moi satisfeito coa participación deste ano. Sen embargo, debemos traballar moito máis porque «levamos incidindo moitos anos en que debemos usar os folios polas dúas caras e volvémonos a encontrar que moitos alumnos non o fan». Aínda así, «encontrámonos con propostas sorprendentes e imaxinativas, que nos fan ver que con pequenos xestos podemos cambiar pouco a pouco o entorno». Na próxima edición desta campaña escolar vaise seguir insistindo na necesidade de reducir en orixe como método para aforrar cartos e coidar a natureza.