Uxía P. Vaello, Laura Lizcano e Rafaela Salvador están en corpo ou en espírito na función de hoxe en Carballo
17 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.As bailarinas e coreógrafas Uxía P. Vaello (Galicia), Laura Lizcano (Andalucía) e Rafaela Salvador (Portugal) crearon un proxecto artístico baseado na imaxinación. Rafaela Salvador tivo que renunciar, ao final, á súa participación, pero as súas compañeiras seguiron adiante, co reto engadido de imaxinar e interpretar que Rafaela sigue con elas no escenario. O resultado foi Assemblage , a montaxe que chega hoxe (ao auditorio do Pazo da Cultura, 21.00 horas) á Primavera en Danza de Carballo.
A imaxinación é o fío condutor do espectáculo, probablemente, máis visual dos que pasarán esta tempada pola capital de Bergantiños, pois mestura baile, teatro e performance, e a imaxe está presente a través de vídeos e fotografías.
A compostelá Uxía P. Vaello comezou a súa formación en danza contemporánea a través dos cursos organizados polo Teatro Galán e como alumna do Espazo de Danza da Universidade de Santiago (co paso do tempo chegou a exercer como profesora), e especializouse en Lisboa, onde estudou con importantes coreógrafos. Arder nun hotel (2007) foi o seu primeiro traballo profesional como creadora e intérprete. A súa compañeira de fatigas, a cordobesa Laura Lizcano, iniciouse no ballet clásico, pero pronto se trasladou a Sevilla para formarse en danza contemporánea no Centro Andaluz de Danza (CAD) e en París, de onde regresou para crear a compañía Bikini.