Antes tería que mudar o curso do Amazonas

Xosé María Lema Suárez

CARBALLO

Resulta evidente que a lingua é unha realidade social que se prolonga no tempo, máis alá da vida dun home ou dunha xeración. E tamén é obvio que, normalmente, as persoas lles transmiten a lingua aos seus descendentes de forma inconsciente. Deste xeito, desde hai máis de mil anos o galego vén sendo obxecto de transmisión e entrega por parte das sucesivas xeracións de cidadáns. Isto non é un impedimento para afirmar que, ao longo da historia, moitas persoas tiveron a intención deliberada de conservar e de lles ensinar o galego aos seus fillos. Este é o motivo polo que cremos que esta é unha boa ocasión para que, como manifestación de respecto á nosa lingua e aos seus falantes, fagamos da tradición de lles ensinar o noso idioma aos fillos un acto de vontade deliberado e consciente. E, nesa idea, que pode haber mellor que formalizar ese acto na declaración individual máis solemne que prevé o dereito: unha manda ou disposición testamentaria.

Perséguense con isto dúas finalidades: a primeira, subliñar simbolicamente a nosa vontade xeracional de que o galego continúe a ser a lingua dos nosos fillos e do futuro do noso país, porque nun contexto histórico no que tantas cousas se volven incertas, é bo volver a mirada ao principal instrumento de comunicación, á primeira ferramenta de expresión das nosas ideas e da nosa cultura; en segundo lugar, recuperar para o galego determinados ámbitos da nosa vida, en conexión co pasado. Hai actos xurídicos que materializan decisión básicas, aos que debemos trasladar sen máis demora a utilización do noso idioma. Con máis razón, o testamento, expresión solemne da derradeira vontade dunha persoa, é o acto xurídico no que máis aprema o uso do galego. É necesario que, neste contexto, chamemos á responsabilidade dos notarios, avogados e demais xuristas, porque a súa contribución a esta tarefa é obrigada».

Eu só fun o simple transcritor deste texto, pois o seu autor foi o mesmísimo presidente da Xunta. Non o actual -que ninguén o crería-, senón o anterior do anterior, Manuel Fraga Iribarne. É o contido da presentación da campaña Non desherdes a túa lingua , promovida no 2002 pola Dirección Xeral de Política Lingüística e o Concello de Redondela para impulsar os testamentos en galego. Publicaríase nun libriño ( Un futuro para a lingua ) no que máis dun cento de persoas redactaron breves mandas testamentarias en galego. Alí está a do propio Fraga, cun parágrafo que non só nos fai lembrar a Cunqueiro senón tamén ao mesmísimo Castelao: «Ítem máis, que a fala que herdei dos meus devanceiros da Regueira, en Regoaveso, siga a medrar nos labios do meu pobo polos séculos dos séculos; cantareira e popular, como un día de festa maior, culta e románica, coa mesma altura e grandeza da Santa Igrexa Catedral do Noso Señor Santiago, principio e fin de todos os camiños de Europa».

O noso idioma non tivo avances significativos nos 16 anos de goberno fraguista, entre outros motivos porque nunca se realizou unha política lingüística digna de tal nome, aínda que é de salientar que fose o goberno Fraga, con Feijoo como vicepresidente, quen pulase por redactar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que no seu día, por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia. Pero o certo é que, polo menos, o de Vilalba non pasará á historia por unha actitude hostil e destrutora cara á lingua galega na súa etapa como presidente da Xunta (outra cousa fora a súa etapa como ministro de Franco) como a iniciada polo goberno do presidente actual, a quen xa ninguén imaxina asinando textos coma estes. Antes tería que mudar o curso do Amazonas (e abofé non me importaría enganarme).