Estes días asistimos á presentación dun proxecto de lei que ten como obxectivo impulsar a economía sostible e que choca co que, pola contra, está a suceder na realidade. Desta nova lei se destacou o apoio ás enerxías renovables, un asunto polo que somos admirados en todo o mundo, pero neste mesmo intre, aparentemente tan propicio, asistimos ao peche das instalacións de fabricacións de xeradores eólicos de Emesa. Sería bo preguntar por que a empresa perdeu ilusións nesta liña de negocio.
Outra cuestión tratada na lei é o apoio á utilización dos transportes públicos. Pois ben, en Cerceda e con gran polémica no pobo, acaban de eliminar as paradas do tren de cercanías. Só se deixou un apeadeiro en Meirama e se construíu unha nova parada no medio do monte, que pese a ese interese polo transporte público, ninguén se preocupou en sinalizar provocando que moitas persoas se perderan o primeiro día. Aforrar un sinxelo cartel, mostra a falta de sensibilidade cara os usuarios e desvela o interese por acabar definitivamente con todas as paradas invocando o seu escaso uso. Isto suporá unha gran perda de mobilidade para os veciños de Cerceda, e o Aquapark será o primeiro que o notará, pois multitude de mozos usaban ata agora a parada de Vilar da Igrexa, que desapareceu definitivamente.
En suma, no canto de dicir tantas cousas que contradín a realidade que todos podemos ver -que imos cara atrás en troques de seguir a tendencia das sociedades avanzadas- sería mellor que os nosos líderes permaneceran calados, así polo menos estarían máis guapos.