A Guerra da Independencia chegou moi a modo á comarca

Víctor M. Castiñeira Castro

CARBALLO

Fai douscentos anos fóronse creando diferentes xuntas para combatir aos franceses, entre nervos e desconcerto

29 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Tras o levantamento do 2 de maio en Madrid, será a Xunta Xeral do Principado de Asturias a primeira en proclamarse soberana. Despois de enviar unha embaixada a Inglaterra, declarará formalmente a guerra a Francia o 25 de maio de 1808. A esta sublevación dos asturianos uniranse axiña o resto de xuntas. O día 27 fórmase a de Cantabria; pouco despois, o día 30, será o quenda de Galicia. O 1 de xuño o movemento patriótico maniféstase en León, etcétera.

O primeiro levantamento popular en Galicia tivera lugar en Vilagarcía o 12 de maio, pero sen consecuencias na práctica. Será na cidade da Coruña o 30 de maio, coincidindo coa onomástica do rei Fernando VII, cando o descontento existente na cidade dea lugar á creación da Xunta Local da Coruña. Nos seguintes días haberá manifestacións contra o invasor francés nas principais cidades de Galicia e incluso nalgunhas vilas e portos como os de Muros, Corcubión e Corme.

Ante a ocupación do territorio peninsular polas tropas de Napoleón e a pasividade das antigas institucións que sustentaban o Estado, crearanse por todo o territorio peninsular diferentes juntas como nova fórmula de exercicio do poder, e como primeira manifestación clara e máis ou menos organizada da vontade de facer fronte ó invasor francés.

En Galicia será a Xunta Local de A Coruña a que tome a iniciativa de convocar ás principais cidades para que envíen representantes á cidade herculina co fin de reunirse e tomar os acordos que fosen necesarios. Nace así a Xunta Suprema de Galicia, que se reúne por primeira vez o 5 de xuño de 1808.

Na ausencia do monarca, ela será a representación da soberanía popular, e na súa curta existencia levaría a cabo unha intensa actividade que abarcou, ademais da organización militar, tarefas diplomáticas e facendísticas.

Ademais, grazas á documentación conservada, especialmente a que fai referencia á correspondencia entre a Xunta e os concellos, podemos coñecer de primeira man como se foron desencadeando os acontecementos antes da entrada das tropas francesas en Galicia, o que aconteceu nos primeiros días do ano 1809.

Será neste intre cando a xunta se desfaga deixando aos concellos desamparados. A máxima autoridade pasará a desempeñala accidentalmente o Marqués de la Romana, pero isto. forma parte xa doutra historia, a da ocupación militar francesa de xaneiro a xuño de 1809, xa ben coñecida e da que xa temos dado conta nas páxinas deste xornal.

Volvendo aos primeiros días do mes de xuño de 1808 e coa Xunta Suprema xa constituída, as cartas que van enviando os concellos ou as autoridades de mariña dos diferentes portos amosan con claridade o estado de intranquilidade e incertidume que hai nos diferentes lugares.

Dende Corme

Sirva como exemplo o acontecido en Corme: «... al amanecer del domingo 12 del que rige, se sintió el repique de campanas (que tengo dispuesto en toda la sargentía mayor de mi cargo) y al momento se armaron todos sin excepción hasta los señores curas y eclesiásticos con las voces que corrían de que las fuerzas del enemigo común, hiciera desembarco en las inmediaciones de esa plaza ...».

Os franceses estaban aínda moi lonxe de Galicia e tería que pasar todo o ano 1808 para que pisaran chan galego, pero a falta de información, a confusión e o nervosismo leva aos habitantes de Corme a armarse rapidamente cando ven chegar unha embarcación que só viña a buscar un decomiso de moeda con destino a Sada. De todos os xeitos, este suceso sérvenos para comprobar a boa disposición dos veciños desta zona a repeler unha posible invasión francesa.

Así o manifestaba o sarxento de mariña Martín Antonio Belo cando escribía dende Corme o 13 de xuño de 1808 para poñerse á disposición da Xunta «... el celo y griterío de vivas de nuestro soberano Don Fernando Séptimo, enternecían el corazón más empedernecido con las expresiones de que hasta derramar la última gotera de sangre, habían defender nuestra santa Religión y la Real Persona ...».

O espírito patriótico e a confianza das autoridades locais en poder derrotar a un inimigo que se atopaba a centos de quilómetros de distancia é predominante nas declaracións conservadas da época. O sarxento Belo incidía, referíndose de novo a Corme e ás súas xentes, en que «... estoy en el firme concepto de que si intenta el enemigo invadir esa plaza, se sacrificarán en su defensa ...».

Este exemplo da boa predisposición para defenderse do invasor é aplicable á maioría dos portos galegos, xa que a conflitividade no mar era cotiá na costa española dende o último cuarto do século XVIII.

As vilas mariñeiras non foron alleas ós problemas derivados das guerras que España tivera con Francia primeiro e con Inglaterra despois, como resultado da desastrosa política de alianzas internacionais levada a cabo polo primeiro ministro de Carlos IV, Manuel Godoy.

A presenza de barcos corsarios e fragatas militares de ambas nacionalidades foi habitual na nosa costa, dada a súa situación xeográfica, durante os períodos bélicos, por iso o temor dos seus habitantes á unha posible invasión de tropas francesas por vía marítima estaba máis que xustificada.

De todas formas, ao incorporarse axiña Inglaterra como aliada de España, e tendo en conta a supremacía da súa armada tal e como quedara demostrado na batalla de Trafalgar, a ocupación da Península Ibérica, incluíndo Portugal, por parte dos exércitos franceses tiña que ser levada a cabo necesariamente por terra, como así sucedeu.