Teatro do Morcego representará esta noite «Kvetch: O Rosmón», que tamén conta coa presenza de Dorotea Bárcena
24 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Formou parte do Festival Internacional Outono de Teatro no ano do seu nacemento e, hoxe, xa na maioría de idade da cita, volve a Carballo. Nese ano de agromar do FIOT, 1991, Celso Parada presentaba en Carballo Misterio cómico. Esta noite retorna coa compañía Teatro do Morcego, fundada por el mesmo no ano 1989, e coa obra Kvetch: O Rosmón, unha «comedia americana sobre a ansiedade».
-¿Por que se toma como base unha familia americana?
-O texto de Kvetch é de Steven Berkoff, actor e director moi recoñecido, quen nese momento se atopaba en EE.UU. Contextualízase nese ambiente, pero podería ser tamén unha familia galega. Do que se trata é de reflectir unha sociedade que vive ao límite, unha sociedade que non para na casa, con un ou varios traballos vividos con angustia, unha sociedad dinámica. Kvetch é unha comedia sobre o medo, na que abundan as situacións de risa e a hilaridade, porque se pode escoitar tanto o que din os personaxes como o que realmente pensan. -Os seus inicios neste mundo remóntanse xa ao 1976. ¿Cambiaron as cousas para mellor? -Profesionalmente pódese dicir que comecei no 89. As cousas cambiaron positivamente, dende logo, aínda que ao mellor non todo o desexable. Son cousas distintas, porque nos primeiros tempos o teatro estaba moi ligado a unha realidade cultural concreta, era un teatro doutro xeito, previo á democracia, onde os temas eran diferentes. -¿Agora é máis comercial? -Hai de todo, pero penso que o teatro galego segue estando moi vencellado ao teatro independente. O comercial serían os musicais que se fan en Madrid, por exemplo. -¿Por que soe ser máis facilmente recoñecible o traballo dun actor no audiovisual? -A televisión chega a máis xente. Eu levo 20 anos no teatro e, dende logo, coñécenme máis polo meu traballo nas series. -Pero iso será porque tamén falta promoción. -É un factor fundamentalmente numérico. -Teatro do Morcego nace no 89. ¿Por que ese nome? -É unha tradución dunha compañía do París de 1921 con ese mesmo nome. Castelao, no seu Diario de 1921, menciónaa. Seguía moito ao seu director, Nikita Balief: arte-ensaio, teatro de cámara. Hai unha escena de Os vellos non deben de namorarse tirada directamente de Nikita.