Pedro Brandariz forma parte da compañía teatra Sete magníficos + 1. Mañá estarán, as sete da tarde, en Sardiñeiro (Fisterra) para amosar o seu espectáculo Dous paiasos en apuros ao público local.
-¿A que público está destinada a obra?
-É un espectáculo para o público familiar, para todos. Desde tres ou catro anos en diante, pero non significa que os maiores non se vaian a divertir. Sempre hai linguaxes e claves para todos.
-¿E que é o que o público poderá ver se se pasa pola casa da cultura de Sardiñeiro?
-Unha obra que nos dirixiu o gran Carlo Colombaioni, pero adaptada á contemporaneidade. Hai varias esceas, nunha aparecen Don Quixote e Sancho, noutra facemos unha parodia de Guillermo Tell e na terceira aparecen dous dentistas que pedirán un voluntario para operalo alí mesmo.
-Todo listo para que os rapaces de Sardiñeiro pasen un bo rato.
-A xente vaise rir moito. Tamén lle damos un pouco á improvisación e cada función é un pouco diferente.
-¿Non é difícil o de levar o circo ao teatro?
-Non, o código é o mesmo. O público está aí. É máis fácil facelo no teatro, co público de fronte, e non nun circo onde o tes todo ao redor.
-¿Que tal funciona o espectáculo?
-Xa fixemos moitas funcións. Temos máis obras, baseadas sempre no humor comprometido dos clown.