«As cabeceiras de comarca prestan uns servizos aos que temos que poder acceder»

CARBALLO

José Manuel Pequeño Castro, alcalde de Dumbría e deputado provincial polo PSOE, lidera unha iniciativa encamiñada á creación dun consorcio de transportes que dea resposta ás necesidades da poboación da Costa da Morte.

-¿Por que un consorcio de transportes?

-Un dos problemas máis gordos da zona é que non hai un servizo público de viaxeiros en condicións. Para que a comarca vaia para arriba é fundamental un achegamento ás grandes cidades, e iso faise con infraestruturas, pero tamén cun bo transporte público. -¿Como se pode conseguir ese bo servizo? -A nosa proposta consiste na creación dun consorcio, porque pensamos que pode ser unha fórmula válida para poñer sobre a mesa as concesións dadas, que non están funcionando, e para implicar aos concellos. O transporte é un servizo básico para o turismo, para os miles de peregrinos que pasan cada ano pola zona, para que a xente poida entrar e saír. -¿Cales son os principais problemas que hai agora? -As cabeceiras de comarca prestan uns servizos aos que temos que poder acceder. ¿Pero como se chega hoxe, por exemplo, ao hospital de Cee ou a facenda? Hoxe, desprazarse na comarca implica ter un vehículo propio. Se falamos dos polígonos industriais, o mesmo. ¿É viable que mil traballadores vaian todos os días ás empresas co seu vehículo particular? -Pero non é só un problema de tráfico de pasaxeiros, senón tamén de mercadorías. -Si, pero o tráfico de mercadorías podemos solucionalo por vía marítima, coa posta en funcionamento do porto de Brens. ¿Que pasa cos viaxeiros? Pois ao mellor hai que financiar o transporte público mediante un consorcio no que participemos os concellos, a Xunta e o Estado. -¿Un modelo similar ao que se pretende implantar na área metropolitana co chamado billete único? -Algo así. Do que se trata é de optimizar os recursos, e de que, por exemplo, o transporte escolar poida ser utilizado tamén para outros servizos. Pero primeiro hai que ver como se lle dá forma a todo iso dentro da legalidade, e despois, decidir se hai que facelo ou non e en que medida nos implicamos as Administracións.