Carballo acolle unhas xornadas de educación para a sostibilidade, presentadas onte e que durarán ata novembro
02 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O Concello de Carballo presentou onte unha actividade de educación para a sostibilidade denominada De ti depende: Carballo sostible , destinada a asociación, técnicos e público en xeral. Financiada pola Consellería de Medio Ambiente, hai actos similares en máis concellos galegos. Os encargados de realizalas son a empresa Ciencia Divertida e a consultora OBZ. Verónica Iglesias é a coordinadora. Onte foi unha das ponentes na presentación xeral.
-¿En que consistiu a presentación?
-En explicarlle á xente o contido do programa e animala a que participe nas diversas xornadas, e tamén falamos dos dous grandes temas que imos abordar, o urbanismo e a mobilidade sustentable, e da metodoloxía de traballo. O que queremos é formar e entreter.
-¿Que aspectos concretos tratarán?
-Trataremos moitos aspectos: a condución eficiente, as emisións de dióxido de carbono, o aforro enerxético, o tratamento de residuos, as nocións principais do PXOM de Carballo.
-¿O público asistente ten algo que dicir?
-Moito, porque empregamos unha metodoloxía participativa. Non queremos que as actividades se vexan como unha conferencia máis. Queremos que a xente fale, participe, comente, faga suxerencias. O noso obxectivo é que teñen información sobre todos estes temas, pero tamén abrimos foros de participación cidadá. Entre todos os obradoiros poderanse diagnosticar problemas e buscarlle solucións, sempre que sexan factibles.
-¿Terán aplicación práctica?
-Iso é o desexable. Unha posibilidade é a través da creación dun consello medioambiental local. Existe a posibilidade de que, dende o Concello, se poida crear. Ao remate, elaborararse un documento final coas conclusións.
-A participación non acostuma a ser moi alta neste tipo de actos.
-Pois a participacion é básica para o desenvolvemento sostible. É nos municipios onde ten que empezar a concienciación. O medio ambiente é cousa de todos, e todos temos que traballar dende a base.