«É moito traballo para un só, hoxe case non puiden comer»

P. B. M.

CARBALLO

Rematan as festas de San Sadurniño de Rus (Carballo). Onte, contra a noitiña, Manuel Varela Rodríguez (56 anos) botaba contas. El é o único membro da comisión e leva ao cargo destas celebracións dende hai cinco. Despídese nesta edición (hoxe mesmo o ía anunciar) da organización, aínda que para nada se vai descontento. Non obstante, recoñece que, para un só, é demasiado traballo. -Leva 5 anos tirando destas festas. -Levo, e dá traballo abondo. Agora mesmo [por onte] estouno facendo, botando contas e as cousas non dan. É moito traballo para un só, hoxe case que non puiden comer. Para facer estas festas hai moito que andar, moverse polo mundo, moito que coñecer. O que se recauda polas casas case non chega para o primero día de festa.

-E se non dan as contas, ¿de onde se saca?

-Ademais das casas, unhas 50, atendo na cantina. Normalmente era eu só, pero este ano contratei dúas rapazas. Pero iso implica pagar e os cartos fan moita falta para o resto.

-¿Como se animou logo a coller as celebracións?

-Cheguei de Suiza, onde pasei 33 anos, e non había quen as collera. Pero agora xa levo 5 anos tirando e, se foramos dous ou tres, aínda bueno, pero estando eu só non é nada. Dende logo, se algúen se animara, eu estaría encantado de axudarlle. -¿Daralle o ánimo para un último baile na comisión? -Claro, home. Eu para nada marcho descontento.