«O fundamental é devolverlle á mocidade a ilusión pola política»

CARBALLO

A carballesa é a nova responsable autonómica da organización xuvenil

12 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

María Torres Pose vén de converterse na secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, unha organización na que leva varios anos traballando, tanto a nivel local como autonómico. Tras a súa recente estrea como candidata nunhas eleccións galegas, esta carballesa de 25 anos acadou esta fin de semana unha nova responsabilidade que afronta co respaldo do 80% dos afiliados.

-¿Como se atopa a medida que pasan as horas dende que foi elixida?

-Feliz, moi ilusionada e cunha grande responsabilidade enriba dos meus ombreiros, porque teño por diante catro anos de duro traballo, nos que me toca exercer como responsable dunha organización política de primeira liña. -Pero co respaldo dun 80% dos votos... -A verdade é que houbo un equipo de persoas que decidiu dar a cara por min, percorrer Galicia comigo, ir agrupación local por agrupación local, comarca por comarca, a explicar o proxecto co que nos presentabamos a esta secretaría xeral e a esta executiva nacional. E creo que a xente decidiu apostar por nós grazas a un proxecto realista, que partía do coñecemento sobre o que é Xuventudes Socialistas de Galicia, sobre os retos que temos que afrontar nos vindeiros catro anos e sobre como debemos levalos adiante, e eu creo que esa foi a clave. -¿Cales son as grandes liñas dese proxecto? -Evidentemente, unha organización política, e máis unha organización política xuvenil, somos un actor máis da sociedade, e cando a sociedade evoluciona nós temos que evolucionar con ela, non podemos quedar estáticos. Penso que se fixeron moitas cousas moi ben nestes catro anos, pero que se poden facer moitas outras mellor aínda. ¿Que queda? Pois eu creo que o fundamental que temos que conseguir nestes catro anos é devolverlle á mocidade a ilusión pola política, a ilusión por saber que as organizacións políticas estamos aí para servir á sociedade... Que a xente volva a crer na política, que creo que foi o problema fundamental que houbo nas eleccións autonómicas. -¿Por que falta a ilusión? -Eu creo que existe a percepción de que os partidos políticos son impermeables ás demandas dos mozos. Pero iso non é así, e temos que conseguir transmitir a necesidade de participar. -¿É verdade que pensa vostede en Galicia en termos de nación? -Totalmente certo. De feito, no noso documento político, que renovamos tamén no congreso, pronunciámonos sobre o noso concepto sobre Galicia, e nós defendemos o concepto de Galicia nación. Fomos dos primeiros en defendelo dentro do socialismo galego, pero defendemos un concepto de Galicia nación inxerido dentro dunha realidade plurinacional que é España, da que formamos parte, á que temos moito que aportar e da que temos moito que recibir.