Leva dez anos no Parlamento e aí seguirá outros catro, agora dende a oposición. Xa presentou trinta preguntas referidas á bisbarra sobre proxectos ou temas en marcha
23 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Marisol Soneira Tajes (Buría, Camariñas, 1954) é deputada no Parlamento de Galicia dende fai dez anos e dous meses. É difícil esquecer a data na que tomou posesión, porque era o 23-F. Substituía a Javier Losada, que dimitira do escano, e empezaba unha carreira que acaba de entrar na cuarta lexislatura no Hórreo. Daquela, na oposición. Os socialistas, encabezados por Abel Caballero, quedaran como terceira forza dous anos antes. E agora, tamén desde os asentos que carecen de poder, aínda que cos mesmos escanos que na lexislatura pasada. O seu papel, por tanto, vai ser distinto. E vai estar moi ligado á Costa da Morte -comarca na que é a secretaria comarcal do partido- como cando empezou.
-Xa pasaron case dous meses dende as eleccións. ¿Como valora agora os resultados?
-Non é cuestionable a decisión que toma o pobo nunha democracia. Eu teño a miña interpretación. O PP, analizarase no futuro, fixo unha campaña das máis sucias da democracia, pero iso non pode ser desculpa. Porque nós tamén temos que apuntar no noso debe que non fomos capaces de contrarrestar esa campaña, e demos por suposto que algunha das calumnias que dicían eran tan incribles que non merecía a pena nin desmentilas, e a realidade é que non foi así. E, tamén, visto o resultado, aínda que a posteriori é moi doado analizalo, parece que a decisión de non adiantar as eleccións non foi moi afortunada.
-¿Sabe xa a función que vai ter no Parlamento? Os grupos de traballo, as comisións ás que vai pertencer...
-Ninguén no grupo parlamentario, salvo o caso de Xaquín Fernández Leiceaga, que foi nomeado portavoz, temos funcións concretas de momento ata que esta fin de semana teñamos o congreso en Pontevedra. Se o secretario é Pachi Vázquez, quen teña unha responsabilidade sobre unha área na executiva non pode ser portavoz da mesma área ou tampouco terá un cargo de goberno do grupo parlamentario. Estamos todos esperando. De momento eu estou na comisión de Medio Rural e na de Pesca. E, de feito, xa teño escrito, e entregadas no grupo parlamentario para o seu rexistro, máis de trinta iniciativas que teñen que ver con proxectos en execución ou pendentes de adxudicar na Costa da Morte ou de outros temas que lle afecten.
-¿Como cales?
-Moitos, como a caída nas capturas do percebe, para saber se se coñecen as causas que poden estar detrás, ou ese anuncio que fixo o PP de levar o tren para a comarca. Quero saber que tipo de traballos e estudos se fixeron, ou se non hai nada.
-Ou sexa, que volve a ocuparse directamente da bisbarra, como facía ao principio.
-Con independencia da comisión e da área que a dirección do grupo me encomende, a miña primeira obriga como deputada é a Costa da Morte. Non só por obriga, é que eu mesma mo impuxen. E o feito de que me ocupe deses temas máis que nestes catro últimos anos é porque son situacións distintas, non é o mesmo estar na oposición que no Goberno. No Goberno, as cuestións plantéxalas directamente no departamentos do Goberno, porque tes fío directo, porque moitas das cuestións xa forman parte do teu programa e vanse executar e xa as fixeches no pasado. Recorres á iniciativa parlamentaria cando estás na oposición. Ás veces, canso se fala de que certo fulanito é máis traballador porque presenta máis iniciativas, pois si e non, depende desas circunstancias, de quen goberne. Por exemplo, que Alberto Sueiro [deputado do PP] non presente moitas iniciativas agora neste período no que teñen maioría absoluta, a min non me vai levar a dicir que non traballe nin está preocupado polos asuntos da Costa da Morte. É que o vai facer doutra maneira. Agora tócame estar na oposición e uso os mecanismos que temos.
-¿Que cre que lle espera á Costa da Morte para os vindeiros catro anos?
-Este Goberno, o que está adxudicado ou en marcha xa non o pode parar. Espero que tampouco lle poñan paus nas rodas. Hai dúas infraestruturas en marcha que son fundamentais para o nosos desenvolvemento, a autovía e o porto de Brens, e ambas están encamiñadas. O que me preocupa é este anuncio que ten feito o Goberno dunha Axencia de Infraestruturas, e que cando falen da colaboración do privado co público, que isto non se acabe convertendo noutra situación como a que vivimos na AG-55, que foi deseñada dende o público, construída dende o público e ao final acabamos tendo unha autopista de peaxe. Espero que esta Axencia non reverta a filosofía pola que o Bipartito fixo a autovía. Estaremos moi atentos. Eu o que lle pido ao Goberno é que cumpra o plano deseñado polo presidente da Xunta para a Costa da Morte. O seu cumprimento é un antes e un despois para a Costa da Morte.