«A clave é ter a sanidade centrada no cidadán»

CARBALLO

«Neste momento son xerente de Atención Primaria de A Coruña», di María Jesús Cerecedo, consciente de que o cambio na Xunta incidirá na designación de cargos, pero tamén da súa responsabilidade ao fronte dun servizo público que non pode deixar de funcionar mentres se produce o relevo. Ela, médico de familia con praza na asistencia en Carballo, pon o seu posto a disposición dos novos responsables de Sanidade.

-¿O balance destes anos é..?

-Moi positivo. A aprendizaxe estes catro anos é tremendo e a visión da sanidade é totalmente distinta. Dáste conta de que as cousas van lentas porque necesitan ir lentas, que as decisións teñen que ser sosegadas, porque hai que sopesar todo. Máis alá da dedicación e o esforzo do equipo, levoume a coñecer a sanidade por dentro, doutro lado, e ver que sempre é posible cambiar as cousas e mellorar. Creo que a clave é manter a sanidade centrada no cidadán, porque el vai decidindo as necesidades.

-¿Que traballo ou logro lle parece máis satisfactorio?

-O primeiro, ser capaz de sacar adiante unha oposición despois de dezaseis anos sen que se xestionase ningunha coa repercusión que tivo, cun número tan importante de médicos e enfermeiras e con poucos efectos na poboación a pesar de tantos cambios. Que se regulase cada dous anos a celebración de oposicións para a consolidación do emprego é un logro moi importante.

-Repase algún programa posto en marcha que valore positivamente.

-Estou moi orgullosa de dous ou tres programas, como o de teledermatoloxía. Cando chegamos á área, os médicos non tiñan ordenadores na consulta. Só tres centros estaban informatizados e hoxe está toda a área. No 2006 fixéronse 50 consultas a distancia de dermatoloxía, o ano pasado foron 1.300. Este programa ten todo ganancias: evitas traslados á xente, apoias e incentivas aos profesionais e aceleras as consultas, xa non hai que pedir cita co especialista e esperar.

-Fai pouco que se iniciaron as retinografías dixitais nos centros de saúde.

-Nestes días pasados. É incrible o que supón para os pacientes, mellora substancialmente a calidade de vida dos diabéticos, porque o diagnóstico é precoz e implica tratamento antes de secuelas importantes. É un programa no que se ve que a capacidade para resolver chegou á atención primaria, co que iso implicará para os hospitais, que se teñen que ocupar de problemas hospitalarios.

-¿E o programa da muller?

-Á marxe dos beneficios para as mulleres, é un programa co que se lle ten dado o protagonismo que merecen ás matronas, que aumentaron moito precisamente para poñelo en marcha. Agora mesmo temos o plan de formación co Centro de Orientación Familiar de Orillamar, porque o obxectivo é que as mulleres poidan poñer o DIU nos centros de saúde. A formación acaba nunhas semanas e a previsión é centralizar este servizo nos centros de saúde Elviña, Os Mallos ou A Torre. Esperemos que siga desenrolándose.

-¿Que queda pendente?

-Ademais de facer chegar estes programas ás zonas máis distantes, queda pendente a construción dalgúns centros de saúde. Voume coa teima de mellorar o centro de Federico Tapia porque é moi difícil dar cobertura asistencial de calidade nesas condicións, non nos chega o sitio. Tamén está pendente a centralización da atención os sábados, potenciar traballo social, a labor da enfermería... En sanidade, cando abres unha porta xa non hai forma de pechala, nunca consegues o 100%, sempre hai moitos retos e obxectivos.