En Zas bailan a buxaina

CARBALLO

No colexio quixeron recuperar o xogo tradicional e repartiron 277 trompos entre os escolares, encantados co agasallo

05 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Para o lego, o de bailar a buxaina igual lle sona a danza tradicional. Moito de danza en senso estrito non ten, pero de tradicional, case todo. O vello xogo do trompo, ou da peonza, termo castelán que se emprega indistintamente, viviu épocas de glorias e outras de esmorecementos nos colexios da zona, se cadra tamén nos de Galicia e de España.

Vai, como tantos entretementos, por modas, anque non se debe de xeralizar, porque sería moi raro que volvese por aquí coa intensidade de outros tempos a goma, o huevo-pico-araña, as variantes da mariola e incluso o frontón.

Ocorre que hai profesores concienciados aos que lles gusta recuperar o bo do que houbo, por exemplo esta diversión. E, ademais, de gustarlles, actúan e traballan para facelas unha realidade. Así ocorreu, por exemplo, no colexio de Zas.

O equipo de normalización lingüística, que dirixe Patricia García, decidiu empregar algúns cartos na compra de 277 buxainas que repartiu entre os nenos e as nenas. Tamén aquí houbo unha evolución do tradicional: antes, a meirande parte dos practicantes eran os rapaces, pero agora hai igualdade. Conta un dos profesores, Estevo Lema, que as nenas danlle igual de ben (ou mal) que os compañeiros, e que tamén poñen igual interese.

Moitos, é certo, tiveron que aprender a lanzar, a facer bailar a buxaina. Neste centro de Zas perdérase a transmisión de maiores a pequenos nos recreos. Van xa máis de dez anos dende que non se xoga ao trompo. Outros xa sabían. Hai que atar ben o cordel na cabeza do aparello, enroscalo a modo na parte baixa, agarrar con forza e lanzar da maneira axeitada.

O truco logo se lle colle, a base de golpes (os que leva a peonza). Outro tema é a fase evolucionada: collelo coa man mentres xire e que siga na palma, pasarllo a un compañeiro, envolverlle o cordón na punta e lanzalo ao aire para collelo de novo... Na linguaxe actual, iso sería algo así como ir pasando pantallas.