«O consumo de alcol está completamente normalizado»

CARBALLO

O programa Dorna, de prevención de drogodependencias, lévase a cabo no IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto dende que se creou hai xa dez anos. Durante este tempo estiveron detrás do programa os educadores sociais da empresa Xeneme Intervención. Diego Parajó (Santiago de Compostela, 1976) é un deles. A súa loita céntrase agora en evitar o consumo de alcol na comunidade educativa.

-¿Por que esta loita?

-Porque é preocupante. Sobre todo porque o consumo de alcol está completamente normalizado. Non só entre a xente nova, co «botellón», senón a calquera idade. De feito, moitos problemas que xurden por consumo de drogas, teñen a súa orixe na permisividade que existe arredor do alcol.

-¿En que consiste o programa Dorna?

-É un programa de prevención no consumo de drogas na comunidade educativa. O máis prolongado no tempo e con maiores contidos para os estudiantes da ESO en Galicia. Abarca dende o primeiro curso, ata o último, cuarto. Afondando en factores de protección: autoestima, toma de decisións, relacións familiares, información...

-¿Preocupa o nivel actual de consumo?

-Ás veces só nos preocupamos dos problemas de drogas cando sucede algo grave. Pero o certo é que o consumo sempre está latente.