26 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Contan que Faulkner era home taciturno. Nunha festa auspiciada por Gallimard, o seu editor francés, «sufriu» as preguntas dos periodistas. Con cada resposta que outorgaba, concisa, daba un paso atrás. Tanto camiñou ao revés que deu a bater coas costas na parede. Foi ese o momento en que os periodistas sentiron piedade polo xenio e deixaron de preguntar. Algo similar ao vivido por Faulkner sucede neste país. A oposición e os periodistas preguntan sobre o Gaiás, a Consellería de Cultura non responde. Permítanme sinalar dúas obviedades antes de continuar. Unha (repetida por este columnista dende hai anos), o Gaiás é un completo disparate. Dúas, os responsables principais deste disparate son o anterior Goberno da Xunta de Galicia e o Partido Popular, Manuel Fraga e Xesús Pérez Varela. Esta segunda obviedade non xustifica ao actual Goberno, máis ben incrementa a súa responsabilidade. Eu nunca imaxinei que en tres anos de Goberno bipartito o disparate Gaiás se incrementaría. Nunca pasou pola miña cabeza que aqueles que criticaron con aspereza o proxecto popular se tornasen nos seus maiores valedores. Eu nunca imaxinei que seguiría este país (cos impostos dos cidadáns) dilapidando os seus fondos nesta obra absurda. E nunca imaxinei, finalmente, que cando uns preguntan os outros calen. Agora imos gastar case setecentos millóns de pesetas en libros para encher a biblioteca de Babel que inventou o anterior conselleiro de Cultura. Setecentos millóns dos que descoñecemos todo ou case todo. Ignoramos con que criterio serán gastados, en que lugar, con que vendedores. Ignoramos o gastado e o que queda por gastar, a oferta e a demanda, o necesario e o superfluo. Este é o novo capítulo desta historia terrible e interminable que ten por territorio real o monte Gaiás. É a prolongación triste do triste fraguismo. Entón, como agora, a resposta era... o silencio.