Dous nomes para celebrar

C. Abelleira

CARBALLO

Asunción Antelo, a Rexubeira de Bergantiños, cumpre 89 anos o mesmo día en que O Xestal festexaría o seu 75 aniversario

08 ago 2008 . Actualizado a las 12:28 h.

O 8 de agosto de 1919 naceu en Segufe (Seavia-Coristanco) Asunción Antelo Suárez, a Rexubeira de Bergantiños. O día que cumpría 14 anos, no barrio coruñés de Monte Alto viña ao mundo Carlos Díaz, que tempo despois sería coñecido en toda Galicia como O Xestal, contador de historias, folclorista e declarado galeguista. O calendario quixo nun día como hoxe unir a dúas persoas moi diferentes, pero que, cada unha á súa maneira, teñen deixado xa unha forte pegada na cultura da comarca de Bergantiños.

Asunción Antelo celebrará hoxe o seu 89 aniversario rodeada dos seus irmáns e de todos os amigos que, non hai moitos días, coincidindo co décimo aniversario da inauguración do seu museo, lle tributaron unha merecida homenaxe. A Rexubeira, poetisa e artesá, xa case non traballa, entre outras cousas porque non ten sitio para colocar máis pezas. O mellor regalo de cumpreanos para ela sería a ampliación do edificio que acolle as súas creacións en pedra, madeira e barro, e mesmo as súas obras literarias. Ata chega a facer chanza dicindo que terá que xogar á lotería para conseguir os cartos que lle fan falta para as obras.

Hoxe celebraría o seu 75 aniversario, pero O Xestal morreu novo, o 4 de xaneiro de 1993, sen chegar a festexar os sesenta. Aínda que naceu na cidade de A Coruña e pasou a súa infancia entre Oleiros e Sada, Carlos Díaz foi un trotamundos que decidiu asentarse na parroquia carballesa de Lema a finais da década dos anos sesenta. Formou parte de innumerables agrupacións folclóricas e fundou moitas outras, entre elas o Coro Aires de Bergantiños, en 1985. Triunfou como contador de historias en festas, na televisión e en emisoras de radio como Antena 3 de Bergantiños, precursora de Radio Voz. En 1964 foi condecorado coa Medalla ao Mérito Turístico. Participou activamente nas mobilizacións pola recuperación da lagoa de Baldaio e os seus restos recibiron sepultura no cemiterio de San Martiño de Razo. Foi homenaxeado un ano despois do seu pasamento... e nunca máis.