Nerium volve a «navegar»

CARBALLO

O poeta fisterrán presentou ante moitos veciños e coñecidos o seu segundo e máis persoal poemario: «Nocturnidade do sal»

03 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

As gaivotas puxeron a música de fondo dun acto cargado de emoción. No hotel Finisterre (Fisterra), pasados algúns minutos das nove da noite do venres, un veciño do pobo, Manolo, pero, neses intres, un poeta xa consolidado, Alexandre Nerium, presentaba o que alí se definiu como o seu segundo fillo poético despois de Vogar de couse: Nocturnidade do sal.

Non había gravatas entre os encargados de apadriñar o poemario de Nerium: a admiración pesaba máis que a formalidade. Nenos, mozos e algúns máis entrados en anos quixeron acompañar, máis que ao poeta, ao seu veciño, algo que destacou o encargado de presentar o acto, Ramón Vilar Lavandeira, xornalista. Agradecéndolle a Nerium que tivese pensado nel como padriño, foi introducindo cada unha das palabras.

Francisco Fernández Rey, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega, percorreu os capítulos desta obra que abarca dende a «raxor» (amencer) ata o ocaso e que aborda o eterno navegar a soas do ser humano, aínda que tamén ten cabida o amor. Un léxico propio de Fisterra -do que se sinalou certa dificultade- e uns sonetos camuflados a modo de prosa poética fixeron que Fernández Rey concluíse a súa intervención así: «Temos nesta obra ao Manolo de sempre, pero facendo auténticas virguerías métricas». Virguerías coas que, segundo o académico e profesor no pasado de Nerium, Xosé Luís Axeitos, o poeta trata de exteriorizar os seus sentimentos máis íntimos, a dor de ser un expatriado do mar. Fé na palabra, ética solidaria e honestidade foron as claves que o académico resaltou. A sonoridade dos versos de Nerium impactou Xosé María Dobarro, profesor na Universidade de A Coruña e, que, tal vez, foi o que puido motivar que Xesús González, da editorial Sotelo Blanco, decidise publicar o poemario mesmo sen ter acabado de lelo.

Varios veciños leron poemas de Nerium -o dedicado á súa compañeira foi un dos máis aplaudidos-. El mesmo recitou, sen ler, só sentindo. Emocionadas bágoas marcaron o final da presentación.