De Bello Pallas a Sánchez Vilas, pasando por Bazarra, cinco grupos pelexaron nos albores da democracia

La Voz

CARBALLO

25 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O mandato de Manuel Bello Pallas remata o 13 de febreiro de 1975, sendo substituído por Pastor Bazarra Sánchez que fai de ponte, de transición ata as primeiras eleccións democráticas. Celebráronse o martes 3 de abril de 1979, día gris e laborábel.

En Carballo houbo cinco candidaturas, para elixir aos 21 concelleiros: Unión de Centro democrático (UCD); Coalición Democrática (CD), formada sobre todo por Alianza Popular (hoxe Partido Popular); Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG), hoxe Bloque Nacionalista Galego (BNG); Agrupación Democrática Popular (ADP), sobre todo apoiada polo Partido Comunista, e Partido Socialista Obreiro Español (PSOE).

Maioría para a UCD

Os resultados déronlle a maioría absoluta á UCD (11 concelleiros), que tiña como cabeza de lista ao comerciante José Sánchez Vilas, e que foi elixido o primeiro alcalde da democracia. Coalición Democrática sacou catro concelleiros, seguido do Bloque Nacional-Popular Galego con tres, Agrupación Democrática Popular (próxima ao PCE) con dous concelleiros e o PSOE cun concelleiro. Consecuencia dos resultados obtidos nas eleccións, a nova corporación municipal quedou constituída da seguinte maneira: por UCD (Unión de Centro Democrático), José Sánchez Vilas, Manuel Blanco Rama, José Fraga Suárez, Eliseo Díaz Díaz, Jesús Barca Varela, Ana María Guillén Madriñán, Heriberto Queijo Caamaño, Manuel Andrade Cristóbal, Pedro Tasende Díaz, José Ricardo Vilas Otero e José Luís Pose Blanco (substituído por Jesús Caamaño).

Pola CD (Coalición Democrática-Alianza Popular): Guillermo Peinador Varela, Federico Avila Cotelo (substituído por Matilde Anido Cancela), Fernando Martínez-Botas González e Jesús Queijeiro García. Polo BN-PG (Bloque Nacional-Popular Galego): Evencio Ferrero Rodríguez, Manuel Nogueira Esmorís e Leonardo Fariña Lista. Pola ADP (Agrupación Democrática Popular): José Doldán Conchado e Juan Jesús Gil Nécega. E polo PSOE, Jesús Mañana Pallas.