«A miña novela trata da prostitución legal, unha realidade tapada, á sombra»

La Voz

CARBALLO

21 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

SANTIAGO | A estrea literaria de Alberto Lema (Baio, 1975) prodúcese cunha novela curta que non deixa indiferente, Unha puta percorre Europa, editada por Galaxia na colección Illa Nova e presentada o xoves en Compostela.

-¿O título é literal, reflicte o tema que trata a novela?

-Xoga coa frase que abre o manifesto comunista, «unha pantasma» percorre Europa, que dá a idea dun tema que é político, malia que é a historia de dúas putas que pretenden pasar á acción e deixar a prostitución.

-¿Pretende, tamén, reclamar a atención do lector sen rodeos?

-A palabra puta sempre chama a atención por motivos espúreos, e a novela trata a situación legal da prostitución, de algo que existe, pero que non e sabe moi ben onde están os límites do que é legal e do que non o é, porque é un tema tapado coma o da explotación laboral e tantos outros que curiosamente aféctanlle especialmente ás mulleres, que está na sombra e pendente dun debate que é continuamente adiado.

-¿Por que aborda esta cuestión?

-Atráenme os temas que están á sombra, cuestións que todo o mundo sabe que están aí, cerca, pero que parece que non existen. E logo sempre hai un chispazo que prende e te centra en algo, que neste caso foi unha película francesa, aínda que non ten nada que ver con ela. A novela é unha historia distanciada, sen morbo.

-¿Ten máis historias agardando?

-Si, teño dúas novelas listas, unha costumista e outra erótica.