A balea que lembra a Lugrís

Malpica dispón desde onte dunha estatua en homenaxe ao pintor surrealista e ao pasado baleiro da localidade


O extenso legado que o pintor Urbano Lugrís (1908-1973) deixou no edificio da confraría de Malpica -cinco cadros na Casa do Pescador e dous trípticos no Fogar do Pensionista, ademais dunha rosa dos ventos- conforma un valioso patrimonio e así lle foi recoñecido xa ao artista dándolle o nome do instituto da localidade.

Pero o Concello quixo ampliar esta homenaxe encargándolle ao escultor Miguel Couto a estatua que desde onte adorna a praza de Villar Amigo e que servirá, ademais de para dar a coñecer o paso pola localidade do pintor surrealista, para lembrar unha etapa da historia malpicá que se remonta varios séculos atrás no tempo.

A balea feita en bronce por Couto non só remite de xeito inequívoco a unha das pinturas máis coñecidas de Lugrís, senón que o vencella coa etapa na que -coma ben lembrou o escritor Xelucho Abella no acto de onte- Malpica era un dos principais portos dos que partían os barcos á caza deses xigantes mariños.

«Lugrís é unha figura senlleira da cultura galega que deixou un importante legado en Malpica», destacou Abella durante unha intervención na que explicou que o artista, aló polo ano 1952, pasou catro meses na localidade preparando as obras que adornan o edificio da confraría e deseñando o interior do inmoble que aínda hoxe perdura. Nese tempo, lembrou tamén, foron moitos os veciños que puideron compartir bos momentos con Lugrís e incluso algúns deles recibiron algúns consellos artísticos e mesmo un dos seus pinceis.

O propio autor da escultura, destacou o orgullo que supuxo para el esta encarga, posto que pasou parte da súa infancia na localidade e sinalou tamén que o espazo elixido para colocala constitúe un enclave privilexiado. Sobre a súa inspiración, apuntou que elixiu o famoso cadro da balea porque ademais de ser un referente de Lugrís e do pasado baleeiro da localidade, «refleja el carácter y la bravura de las gentes de Malpica».

O alcalde, José Ramón Varela Rey, tamén destacou a importancia de Lugrís, así como os vencellos de Couto coa localidade, e sinalou que espera que a estatua inaugurada onte sexa a primeira dunha longa lista de pezas que nun futuro ocupen outros espazos públicos da localidade.

O presidente do Fogar do Pensionista, Luis López, e o mariñeiro máis veterano da localidade, Ramón Haz -que en poucos meses será centenario-, descubriron a escultura nun acto ao que tamén asistiron os concelleiros Rogelio Pereira, Alfredo Cañizo, Miguel Fernández e Francisco Gorín.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

A balea que lembra a Lugrís