Participan no proxecto ambiental cun estudo do entorno vexetal do municipio
30 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Os cativos do colexio Eduardo Pondal, no municipio de Ponteceso, convertéronse en verdadeiros exploradores. Grazas ao programa Voz Natura, que promove a fundación Santiago Rey Fernández Latorre, os alumnos están facendo un estudo completo sobre a vexetación que habita no Concello.
Así, este ano puxeron en práctica o proxecto Nuestros árboles no que os estudantes coñeceron as diferentes especies mediante xogos, actividades ecolóxicas e leccións académicas. O resultado: os cativos son grandes coñecedores do entorno natural e, por conseguinte, os seus máximos defensores.
Os obxectivos deste programa, segundo a coordinadora María Luisa Mosquera Seijo, é que os nenos adopten bos hábitos ambientais e que algunhas prácticas, como a do reciclaxe, formen parte da súa vida cotiá. «Facemos saídas por todo o Concello para coñecer de primeira man o entorno que nos rodea. Levamos a cabo iniciativas en hortas, fragas ao longo das catro estacións para que os pequenos vexan os cambios que se dan no entorno», comentou Mosquera.
Traballo na clase
Pero non todo queda nas saídas ao exterior. Os rapaces traballan na aula os contidos que aborda o programa nas diferentes materias. «Intentamos relacionar cada concepto cos contidos das áreas curriculares grazas á implicación que os educadores do centro teñen nesta iniciativa», afirmou a coordinadora. En total participan nas actividades 63 rapaces de infantil e os dou primeiros cursos de primaria. O Eduardo Pondal leva cerca dunha década traballando con Voz Natura e sempre enfoca o seu proxecto cara o entorno do Concello. Así, en edicións anteriores estudaron o río Anllóns ou a praia de Balarés.
A próxima edición do programa Voz Natura estará orientada a sensibilizar á sociedade sobre os efectos malignos do cambio climático. Ademais, o proxecto estará patrocinado polas consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, Deputación de A Coruña, Sogama, Sogarisa e Leche Celta. Tamén colaboran no programa Caixa Galicia e Coca Cola.