«A participación na cea solidaria é enorme»

S. G.

CARBALLO

Un ano máis, Cáritas Unidade Pastoral de Soneira, que agrupa a unhas 16 parroquias das comarcas de Bergantiños e Soneira, organizou a súa cea anual para recadar fondos destinados a proxectos solidarios no Perú, nos que os nenos máis desfavorecidos son os principais beneficiarios. Levan xa tres anos seguidos con estas iniciativas, aínda que as ceas de Cáritas comezaran co tsunami do sur de Asia. A cea será mañá venres, ás 21.00 horas e, por primeira vez, no pabellón polideportivo de Zas, na capital municipal. Está xa confirmada a presenza de máis de 600 persoas.

-A resposta dos veciños segue sendo moi boa.

-Si, si, a participación na cea solidaria é enorme, en todos os sentidos. Por unha banda, na xente que se suma e paga o menú, que son 15 euros. Por outra, os que non poden acudir, pero aportan cartos igual. E tamén están os que colaboran de xeito desinteresado e altruísta no traballo, que son moitos. Penso, por exemplo, na persona que prepara todos os menús. Nós só temos que aportar o material.

-¿Que menú haberá?

-Arroz con champiñóns, bacallao á galega, postres que elabora a xente, bebidas...

-Non todo é comer.

-Non, tamén haberá actuacións musicais de Airiños de Nantón, o dúo Manuel Cancela e Jesús Couto, unha actuación sorpresa do que se coñece como Dúo Israelí ou Chema Caruso. Haberá tamén representación institucional, cos alcaldes da zona.