A poboación emprega a primeira variante e a toponimia oficial, a outra
09 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Poucas veces deron tanto que falar un b e un v. O primeiro é o que utiliza a Comisión de Toponimia de Galicia para nomear a parroquia carballesa de Berdillo e é, polo tanto, o seu topónimo oficial. O segundo é o que empregan maioritariamente os veciños dese mesmo lugar para referirse a el.
A realidade é que non son os únicos. O propio Concello de Carballo semella non telo moi claro, e, deste xeito, ao longo do camiño que conduce ata alí, pasando mesmo pola Feira de Berdillo -que pertence á veciña parroquia de Artes e que herda a tradición dos antigos mercados que se celebraban no lugar- pódense atopar sinais coas dúas versións. As máis recentes, por certo, contradín a norma da comisión de expertos e da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que no seu artigo 10 establece: «Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia».
A confusión mantense en moitos dos escritos oficiais, nos que, aínda que nos últimos anos se foi introducindo o uso de Berdillo, aínda aparece en moitas ocasións a variante Verdillo.
Institucións como o Arzobispado de Santiago tamén emprega as dúas formas de maneira indistinta, e mesmo o sistema de localización xeográfica Google Earth contribúe a manter a confusión. ¿Como debería escribirse, realmente, Berdillo?
Existe unha teoría estendida pola parroquia que fala da procedencia do nome dun antigo paseo arbolado que conducía ao lugar dende o campo da feira. Sería, por tanto, unha verea, e de aí proviría o topónimo. Fernando Cabeza Quiles, autor de dous libros sobre nomes de lugar, defende tamén a variante Verdillo, pero por outros motivos. Se procedese de verea derivaría en nomes como A Brea, tamén en Carballo; pero neste caso, na súa opinión, a orixe está na cor verde do terreo.
«Como se pode escribir das dúas maneiras», di Jorge Fuentes, presidente do San Lorenzo de Verdillo -nome oficial do equipo-, o clube optou polo v, e el mesmo emprégao de xeito maioritario. De todos os xeitos, non considera que o tema deba ser motivo de polémica, senón que, se é posible, debería servir para aclarar «dunha vez» como é. Tampouco ten preferencia por unha ou outra forma o presidente da asociación de veciños, tamén de Verdillo, José Manuel Varela Cornide, pero «eu escríboo sempre con uve», di. E o mesmo di Javier Vázquez, da comisión de festas, que na súa publicidade utiliza tamén esta variante. «Nós poñemolo con uve, pero tamén nas cartas de Correos, en todos os escritos que se recibe, ven igual», sinala. As asociacións cultural e xuvenil Arume tamén espallan nas súas actuacións o nome de Verdillo, non o de Berdillo.