O monologuista Rober Bodegas, recentemente elixido como Rey da Comedia, será o encargado de presentar e animar o desfile de disfraces, comparsas e carrozas que o vindeiro domingo , a partir das seis da tarde, reunirá na praza do Concello de Carballo a miles de persoas ás que moitas custará recoñecer debaixo dos máis divertidos disfraces. Os mellores repartiranse máis de 6.000 euros en premios. Despois, a orquestra Trobadores será a encargada de amenizar o baile.
Outros dos actos destacados do entroido carballés son a quinta edición do concurso de prostres (día 2, 18.00 horas, praza do Concello) e o tradicional baile para a terceira idade, que este ano contará coa orquestra Trébol. Será o martes de entroido (día 5), a partir das 18.00 horas no polideportivo Bergantiños. Ese mesmo día, ás 21.30 horas, comezará na praza do Concello o enterro da Sardiña, último acto destas festas. O Concello subvencionará aos dez primeiros grupos participantes que se inscriban.
O da Sardiña será o último acto, pero o primeiro celebrarase nas rúas Colón e Hórreo o vindeiro venres. Ás 22.00 horas comezará a actuación de Troula Animación e o seu espectáculo Mouline Rouge, que repetirán tres horas despois na Estrella.