José Antonio Alfeirán Chouciño non quería flores no seu enterro, e deixou, como última vontade, que aqueles que quixesen ter un detalle, en vez de mercar coroas e ramos doaran eses cartos para loitar contra a enfermidade que finalmente foi a causa do seu pasamento.
Nos últimos meses, a familia Alfeirán Regueira tomou conciencia real do que unha enfermidade coma esta (ou calquera outra) pode facer, sen que ninguén o poida impedir, quedando unha sensación moi dura de impotencia.
No día do enterro, a familia solicitara na misa que se respectara a decisión de José Antonio. Sabían que non todo o mundo o ía comprender, pero era a última vontade deste mariñeiro e cociñeiro, que, nos últimos anos, rexentou xunto coa súa muller, Isabel, a casa de turismo rural Casa Arpón, en Pontella (Malpica).
Isabel e unha das súas fillas, Ana, fixeron entrega dos cartos recadados nas catro furnas que se colocaron no tanatorio e na igrexa de San Xulián, 805 euros, á Asociación Española de Loita contra o Cancro, na súa sede de Santiago. Pero non foi a única doazón. De forma anónima, amigos e familiares fixeron aportacións a esta e outras oenegués.
José Antonio quixo que os cartos que se gastan en recordatorios cumpran un verdadeiro papel e axuden aos que aínda están vivos. José Antonio era un home coñecido e querido en Malpica que, coa súa última vontade, non quería molestar a ninguén. Simplemente, a súa familia e máis el déronse conta de que a vida é un ben prezado, e que cando a morte está preto moitas cousas quedan nun segundo plano. Tamén, que é moi duro perder a un ser querido, sobre todo despois dunha longa enfermidade, e que, dentro do posible, situacións como as que viviron non lles acontezan a outros.