Modesto Fraga e Rafa Villar logran un cheo na presentación dos seus poemarios en Fisterra

La Voz

CARBALLO

02 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Os escritores Rafa Villar, de Cee, e Modesto Fraga, de Fisterra, lograron un cheo total na taberna Ultreia (máis de 60 persoas sentadas) na presentación dos seus últimos poemarios, editados polo novo selo Edoy Leliadoura, de Sotelo Blanco Edicións. Estaba tamén prevista a presenza de Daniel Salgado, outro novo autor (anque nos outros casos xa pasan ben dos 30 e o apelativo mozo vai quedando lonxe) que publica na mesma colección, pero que finalmente non puido ir a Fisterra. Neste caso, coa obra Os poemas de como se rompe todo ; no caso de Modesto, con Derrotas con raíces , e no de Rafa, coa Memoria de Ahab . O organizador das Xornadas Culturais da Taberna Ultreia, Xosé María Velay Insua, exerceu naturalmente de anfitrión e de presentador dos autores, que ademais de falar dos seus traballos e ata das súas vivencias, recitaron versos dos seus libros, feito que Velay define como «maxistral», pola maneira de facelo, e que se viu recompensado con «longos aplausos e a comunión co público». Precisamente entre o público, ademais de amigos, veciños, amantes da poesía ou visitantes anónimos, había peregrinos; políticos como os concellais Xan García, de terra Galega, ou Mónica Góñez, do BNG, e escritores e historiadores como o corcubionés (casado cunha fisterrana) Luís Lamela García, ou o poeta local Alexandre Nerium, que é ademais un dos dous guías do museo da pesca do castelo de San Carlos. No que queda de mes, a taberna Ultreia ten preparados máis actos, como un que se levará a cabo o día 15, ás 22.00 horas, con representantes da ONG Norte y Sur Solidario, que falarán sobre o labor que realizan en Ocotal-Nicaragua cos nenos, construíndo un comedor infantil ou unha gardería.