Antonio Domínguez, vocal do PP de Cee, saíu da alcaldía nas pasadas eleccións municipais. Agora encabeza o principal partido da oposición e a súa valoración dos primeiros meses de goberno non é moi positiva.
-¿Que destaca, para mal ou para ben, destes primeiros cen días?
-Hai algo importante que se perdeu: Cee tiña unha posición indiscutible na comarca, e agora está a perder o liderado que antes tiña. Hai concellos no entorno con máis forza. Agora fálase de instalar unha ITV e Cee non aparece nese debate, por exemplo.
-¿Apreciou cambios neste tempo?
-O porto de Brens segue igual, o polígono industrial está parado, as obras das riadas non se fixeron e parte delas terá que pagalas o Concello. Entendo que cen días non dan para moito, pero eu non percibo absolutamente nada. Para min, non hai ningunha xestión feita, e sobre todo tendo en conta que na Xunta teñen un Goberno amigo.
-Unha das polémicas do arranque do mandato foi a paralización dunha gran promoción de vivendas en Cee.
-O de Lábaro pode traerlle graves prexuízos ao Concello. Tiñan todas as licencias e meteuse a pata. O pobo de Cee non pode pagar a incompetencia dos seus gobernos. Había 40 persoas traballando que foron ao paro e o Concello pode ir á quebra. No seu momento, pediremos responsabilidades. Iso é unha bomba que lles vai a estoupar nas mans. Ademais, esa paralización foi tamén o único que fixo o novo goberno. Iso e retomar o proxecto do campo de golf. Se sae adiante quero que me expliquen por que antes non e agora si.