«A Costa da Morte ten moito dramatismo»

María Rama

CARBALLO

O director de cine está a rodar a súa última película, «Rafael», nos Baños Vellos de Carballo

28 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Ten traballado en prensa, en radio e en televisión. Ata 1980 non fixo a súa primeira curtametraxe en formato profesional, La hija del anarquista. Vinte anos máis tarde publicou un libro sobre Luís Buñel, Buñuel: espejo y sueño. Nese mesmo ano asina o vídeo Peregrinos , incluído no proxecto Seis olladas de Compostela. Fixo outros traballos de coguionista das longametraxes de Manane Rodríguez. Ademais, recibiu varios premios e recoñecementos por León e Olvido , galardoado co premio ao mellor guión no Festival de Cine Español de Tolouse e ao mellor director no Festival Internacional de Cine de Ourense, ambos no 2004. No festival internacional de cine independente de Poff (Estonia) recibiu o premio do xurado. Xavier Bermúdez está a gravar o filme Rafael nos Baños Vellos de Carballo. O equipo de Radio Voz trasladouse ao lugar da rodaxe para a entrevista.

-¿Pódesnos contar un pouco quen é este «Rafael»?

-É un retrato dun home, Rafael, que fai a base de diversos fragmentos da súa vida, unicamente a través dunhas etapas moi marcadas nunha está cunha muller e noutra con outra. Nesta caracterización entra a súa vida máis cotidiá, é dicir, a laboral e a amorosa. Está feita de retalos moi normais e doutros moi pasionais.

-¿Por que escolleu Carballo como escenario para esta última historia?

-Teño un certo cariño porque hai dez anos xa rodei aquí nos Baños Vellos de Carballo outra película e repítolla que sempre somos ben recibidos. Ademais gústame o sitio e parece que me deu por escribir cousas que están aquí localizadas.

-Entón podemos dicir que a experiencia da primeira vez foi boa para que quixera repetir...

- Si, foi moi boa e agora tamén nos reciben moi hospitalariamente e moi amistosamente. E, aparte, as cousas que utilizamos veñen moi ben para a película.

-Falabamos antes con Manolo Cortés que xa están entrando na recta final. ¿Está indo todo según se prevía?

-Vai un pouco mellor do que se prevía, ou sexa que imos moi ben. O traballo vai a bo ritmo e levamos un pequeno adianto sobre o que tiñamos pensado, aínda que sempre estamos a tempo de perder esta vantaxe e estar nos prazos proxectados.

-Co seu último traballo, «León e olvido», foi premiado en multitude de festivais. ¿Espera que esta película teña a mesma acollida?

-Sería estupendo que tivese unha acollida case tan boa como León e olvido. Non é doado atopar unha forma de contalo que enganche con públicos tan distintos. Un fai a película pensando en algo que lle gusta ou que lle chama e despois nunca se sabe como vai ir co público. Depende de moitos factores.

-¿Por que cre que se están a facer tantas películas na Costa da Morte?

-Porque é un lugar moi bonito e onde o dramatismo sempre está presente.

-¿Como ve que está o cine galego?

-Cada ano vai mellorando, pero aínda faltan moitas cousas por facer. Pode ir a mellor.