O pub carballés La Reserva acollerá a partir do sábado unha mostra de imaxes deste fotógrafo compostelán
30 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Os escenarios de boa parte de Galicia e mesmo o Festival Internacional de Benicasim -ao que puido acudir este ano tras gañar un concurso de ámbito nacional- son algúns dos lugares polo que ten pasado xa coa súa cámara o fotógrafo compostelán, pero afincado en Vigo, Janite Lafuente. Algunhas das súas imaxes poderanse ver a partir do sábado e durante todo o mes na exposición organizada no pub La Reserva, de Carballo, dentro dos actos do Festival PopXiriaPop. -¿Cando empezou nisto da fotografía musical? -Foi nunha época na que me relacionaba con xente que tiña grupos e ía aos seus concertos. Comecei a facer fotos e, pouco a pouco, funme metendo nesta historia e convertendo unha afección nun oficio. É algo bonito, pero tamén resulta complicado e pode chegar a ser frustrante, porque ás veces gustaríame ir a un festival tranquilamente. -Pódese gozar da música mentres se busca o encadre. -Si, pero dende outro punto de vista totalmente distinto. Segues o concerto polo visor e moitas veces nin escoitas a música. Cando son festivais con moitos grupos, ademais, non tes nin tempo material, porque tes que andar de aquí para alá. -¿Que é o máis complicado de facer unha fotografía nun concerto? -Estar no momento idóneo ou decisivo, cando o batería tira as baquetas ou o cantante se lanza sobre o público. Pero hai outros momentos que tamén son importantes para buscar a túa imaxe e ofrecer o teu propio punto de vista. -¿É moi importante coñecer ao grupo e a súa música para poder fotografalo? -É básico. Hai que saber que vas ver, cantos son, quen leva o protagonismo e, unha vez xa alí, fixarse en pequenos detalles como a distribución da batería ou a colocación dos micrófonos. -¿Cal é o seu mellor traballo ou o que lembra con máis satisfacción? -Resulta moi difícil decidirse por un, pero en xeral teño moi boa relación con grupos de rock and roll de corte clásico. O premio de Benicasim tamén foi moi importante e o concerto dos Bellrays tamén, porque foi co que gañei ese galardón. -¿Como foi a experiencia no Festival de Benicasim? -Nunca estivera alí e nunca iría de público, porque non son os grupos que me gustan, está moi lonxe e é moi caro, pero, profesionalmente, a experiencia foi moi boa e constituíu un trampolín para seguir traballando nisto. De feito, sigo colaborando con Heineken, que é o patrocinador. -¿Os músicos colaboran co fotógrafo sobre o escenario? -Eu son moi coñecido no ambiente musical por Vigo, pero non busco complicidade cando estou traballando. Gústame pasar desapercibido e que os músicos non se sintan mirados. O fotógrafo non debe ser protagonista. -¿E co público, como é a relación? -Hai que partir da base de que eles están de festa e eu traballando. A min gústame relacionarme coa xente, pero non te poder somerxer no ambiente e tes que centrarte no que vas facer. En canto ás fotos, eu son máis de escenario tamén que de público, pero se vexo algo que me chama a atención tamén disparo. -¿Que atopará a xente que se achegue ata La Reserva? -Trinta fotografías musicais feitas en Galicia -porque para tomar boas imaxes non é necesario ir ver aos Rolling Stones-, de rock and roll, nas que capto a esencia e os momentos especiais dos concertos.