A expedición do Seminario de Estudos Comarcais analizou a máis grande mostra da primeira arquitectura monumental funeraria de toda Europa
26 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Corría o 1953 cando un contratista adquiriu unha canteira nun monte da península Kérnéhélen, que domina a baía de Morlaix, na Bretaña francesa, e empezou a extraer camións de pedra para unha estrada. Se a comunidade científica francesa non se mobilizase, as obras levarían por diante a máis importante e máis grande mostra de primeira arquitectura monumental funeraria de Europa. Trátase do cairn (túmulo de pedras) de Barnenez, que contén no seu interior once dolmens, onde tumbas para a eternidade. A súa antigüidade é de 6.500 anos e para construílo agora serían necesarias unhas 600.000 horas de traballo. O descubrimento deste megálito, xunto a outro similar xa desaparecido, supuxo unha grande revolución para o mundo da arqueoloxía. Ata entón os especialistas europeos crían que os primeiros grandes exemplares de arquitectura monumental eran os tholos de Micenas (Grecia).
Esta é en resumo unha das leccións de luxo que a expedición do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte segue a diario pola rexión francesa. Charles-Tanguy Le Roux, que dirixiu ou participou na meirande parte das investigacións científicas nestes xacementos, é o principal encargado de dar explicacións de gran nivel, asistido por Antón Rodríguez Casal, que tamén participou durante oito anos na restauración de Barnenez, e máis Xosé María Lema, que é o presidente da entidade organizadora da viaxe.
A xornada do xoves comezou cunha visita a outro monumento de récord. É o menhir de Kerloas, o máis grande do mundo de cantos seguen en pé. Está en Pouarzel, preto de Brest. Mide máis de 10 metros de alto, pesa unhas 100 toneladas e pode ser visible a uns 30 quilómetros á redonda. A parte superior foi voada por un raio hai século e medio.
Os organizadores da viaxe non dan tregua aos participantes. Incluso no autobús hai indicacións. Van saíndo datos e temas a relucir: unha cruz colocada sobre unha estela da Idade de Ferro ou comparanzas coas escavacións de Friol, nas que José María Aguileta, arqueólogo do Concello de Ourense (que tamén forma parte da comitiva), atopou unha vía romana cando buscaba un megálito.
Logo veu un percorrido pola Costa da Morte bretoa, o Corniche de l' Iroise, con cruceiros na beira do mar, coma no cabo Roncudo, barcos que pescan algas e ata historias e lendas de naufraxios. En Francia incluso no século XIX había graves condenas para os raqueiros que provocasen naufraxios. As rochas da beira do mar están lambidas porque antigamente recollíanse as pedras máis resistentes desde embarcacións de fondo plano. En Lesneven, camiño de San Pol de León, os viaxeiros dos megálitos víronse sorprendidos por unha bandeira galega que ondeaba na praza xunto coa europea, a francesa, a bretoa e do Finistère. Non é nada estraño: Lesneven está irmandado con As Pontes.
En Plouescat hai un dolmen a nivel do mar e en San Pol de León está a torre de catedral máis alta de toda Bretaña. Le Roux foi contando como último bispo desta cidade, Joannes Franciscus de la Marche, morto en 1806, plantaba patacas no seu xardín para que a xente as collese e non morrese de fame.