A festa máis popular de Cabana volverá a reunir a miles de persoas na bidueira de Cesullas
01 ago 2007 . Actualizado a las 02:05 h.carballo | A parroquia Cabanesa de Cesullas vive hoxe o seu día grande coa famosa romaría de San Fins do Castro, unha cita relixiosa e festiva que volverá a reunir a miles de persoas baixo a sombra dos centenarios bidueiros. O párroco Francisco Domínguez Lobelos será o encargado, unha vez máis, de dirixir o orixinal Berro Seco, «unha explosión de alegría», segundo dixo onte en A Voz da Igrexa, un dos espazos das Voces de Bergantiños, de Radio Voz. No programa, acompañado polo párroco de Carballo, José García Gondar, incluso atreveuse a recitar un anaco do himno de San Fins: «Meu santo san Fins do Castro, ¿que lle das aos teus romeiros? Auga da túa fontiña, sombra dos teus bidueiros»
-Pero agora a auga da fontiña e a sombra dos bidueiros vese esnaquizada por esa nova costume de enchelo todo de viño.
-Eu xa levo aquí 30 anos de párroco e ao principio había unha gran harmonía entre a parte relixiosa e a máis festeira, pero hai pouco máis de dez anos algúns empezaron a tirar algo de viño e iso foi indo a máis. A parroquia e o Concello tratamos de impedilo, pero non fomos capaces. Agora se fixo unha pequena división onde os rapaces poden tirarse viño respectando algo aos veciños que queren gozar da festa máis tradicional.
-E esa división está dando un bo resultado.
-Ao principio houbo algo de choque uns cos outros e incluso algún tivo que ir á residencia como consecuencia deses enfrontamentos, pero agora a convivencia é moi pacífica e todo o mundo se respecta. Pero aínda non podemos cantar vitoria. O que eu pido é que haxa respecto. Unha boa solución sería que a guerra do viño se fixera outro día, pero non todo mundo está de acordo, porque os rapaces tamén queren estar alí o día propio da festa. Así que o que se fixo foi cambiar o percorrido da procesión.
-Pero aínda queda moita devoción.
-Si, desde primeiras horas da mañá ven moita xente a celebrar a romaría de san Fins e a participar nas misas. Despois están nas merendas e achéganse tamén á fonte a mollar os seus panos. A misa solemne, cantada pola Coral de Cesullas, será á unha e participará o ex vicario episcopal de Santiago, Antonio Vicente Ferreirós. Despois será a procesión e seguidamente haberá o himno de san Fins, que nunca pode faltar. É algo que a xente o ve como propio, porque o himno de san Fins lévase no corazón. Cando toca a banda de música todo o mundo canta, porque o levan dentro.
-E tamén o Berro Seco.
-Si, iso irá, coma sempre, despois do himno. É coma unha explosión de alegría. Todos están contentos e felices por estar alí gozando un ano máis da romaría, por iso todo o mundo participa.