«Son un apaixonado da Idade Media»

La Voz

CARBALLO

25 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

José Traba meteuse na política local en 1999. Entrou como concelleiro de Cultura. Di que suplía a falta de fondos levando os altofalantes de un lado para outro e poñéndolle imaxinación. Chegou á alcaldía tras a morte de Valentín Castrege e segue nela a pesar da oposición. -¿Que tal cos partidos que non gobernan? -Cando entrei, o BNG facía unha oposición ideolóxica, Carrillo, construtiva, aportando alternativas, e o PSOE persoal, atacando aos membros do goberno, e segue a facela. Non demostrou nunca que por que os contrarios fosen malos el fose mellor. Así lle foi. -E de non dedicarse á política, ¿que lle gustaría facer ao alcalde Fisterra? -Eu estaba moi contento co que facía, tanto no ensino como sendo biólogo mariño. Se non estivese en política volvería ao mesmo para o que fun formado. -¿Como andamos de afeccións? -O que máis me gusta é a lectura, sobre todo temas históricos ou científicos. Son un apaixonado da Idade Media, especialmente en Fisterra. -¿E de viaxes? -Viaxar gústame moito, aínda que xa non gozo tanto, porque ando sempre comparando. Hai pouco estiven en Zamora, e mentres todos estaban mirando a catedral, eu fixábame no alumeado público das festas ou nos bolardos. Deformación profesional. -Dígame un lugar que lle sirva de referencia. -Hai sitios en Francia. En Asturias gústame moito Cudillero. Contábame o alcalde o difícil que foi pasar do pobo pesqueiro que era ao que é agora, que todo o mundo vive alí do turismo. -¿Como lle gustaría ver Fisterra en 20 anos? -Quero ver un núcleo recuperado, con rúas peonís polas que a xente poida pasear e nas que haxa tendas abertas. Gustaríame ver un rural desenvolvido, cunha agricultura que non fora para xubilados, e que a pesca funcionase industrialmente, non ao albur do mercado, cuns produtos que levaran o nome de Fisterra como marca de calidade, cunha trazabilidade. E que a xente non tivera que coller a maleta.