A chegada de Félix Porto á alcaldía non terá unha repercusión radical na súa vida profesional. Tentará compaxinar as dúas cousas. -¿Non deixará entón o seu traballo para dedicarse en exclusiva ao Concello de Muxía? -Vou dedicar media xornada ao Concello. Teño unha vida laboral que compaxinar, cun cargo na executiva nacional de Unións Agrarias. Esa é unha parte da miña vida que non quero esquecer, é algo innato a min, estou enganchado. Levo moitos anos e hai cousas sen as que non podo pasar. -Se Félix Porto non se dedicase á política, ¿a que lle gustaría dedicarse? -Pois non sei, agora estou bastante centrado niso [non lle gusta moito falar de cuestións persoais]. Tal vez escribir é unha opción. -¿E afeccións? -A lectura. Estar coa xente á que quero. Encántame viaxar, pero cada vez teño menos tempo. -¿E no gastronómico? -Nótaseme que son de bo dente. -¿Que lle gustaría trasladarlle aos veciños? -A miña fonda gratitude polo cariño e polo apoio de todos, e a alegría e a emoción de asumir esta responsabilidade de entrar no goberno. -Por certo, un tema sobre que se falou moito durante o último mandato: ¿Que vai facer o novo goberno muxián co Plan Xeral? -Estiven en contacto estes días con distintas consellerías. Estou convencido de que haberá informes que o leven abaixo tal e como foi aprobado. Nós faremos un plan xeral con todos e para todos, non para os que gobernan, ese foi o noso compromiso. -¿Que cuestións quere poñer vostede en marcha canto antes? -Hai cuestións básicas, como os servizos sociais. Teñen que ser dignos e para todos, e que prestalos non sexa un favor, senón un dereito. Tamén precisamos que a cultura sexa de todos e abrilas ás parroquias, ter unha casa da cultura ambulante. E queremos fomentar o deporte base, achegalo aos rapaces, que teñen moito tempo de ocio.