?ntes de ser alcalde, Manuel Muíño foi funcionario primeiro e asesor de Anxo Quintana despois. Agora é alcalde do seu pobo. -E se non se dedicase á política, ¿a que lle gustaría adicarse? -Pois a viaxar e a escribir, algo que me gusta moito. -¿Algún destino preferente? -A calquera cidade. Galega, española ou europea. Non teño un lugar preferente. Teño ganas de volver a París, un sitio no que xa estiven. -E sen moverse do sitio, ¿cales son as súas afeccións? -Gústame moito a fotografía. Antes revelaba eu mesmo as miñas fotos. Teño unha cámara réflex, unha Minolta antiga, coa que sacaba bastantes instantáneas. A foto permite ver cousas que o ollo non ve. Sobro todo sacaba paisaxes. Ir no inverno a Estorde, ou a O Rostro. Hai tempo que non practico. -E se lle gusta escribir, ¿cales son os seus autores de referencia? -A literatura gústame toda, sobre todo se é boa. Tanto a poesía como a novela. García Márquez, Celso Emilio Ferreiro ou Miguel Hernández, entre outros. -Nun eido máis pedestre, ¿que prefire ver no prato á hora de comer? -Gústame probar novas comidas, pero non me gusta excederme. De mozo comía moi mal, ovos con patacas e pouco máis. Agora non teño problema para probar pratos novos. -Despois de estar afincado en Santiago, suponse que agora mudarase a Zas. -Agora cando remate o curso virei coa familia [Muíño está casado e ten dous fillos, de dez e catorce anos], logo plantexaremos se eu vivo en Zas e eles fican en Santiago ou non. A familia, e sobre todo os fillos, son os grandes problemas da política, porque é moi difícil compaxinar. -Por certo, ¿repartiron xa as áreas de goberno entre vostedes? -Reunirémonos estes días para repartilas, aínda que nun pobo pequeno non hai tanta presa. O próximo pleno convocarémolo a semana que vén e para entón xa estará todo ben definido e claro.