Crónica | Bailes coma os de hai anos A asociación celebrará mañá un novo Encontro Folclórico, co obxectivo de impulsar os mercados que se levan a cabo todos os primeiros e terceiros domingos
18 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Os membros da Asociación Cultural Queiroga xa o teñen todo preparado para o seu octavo Encontro Folclórico, que celebrarán mañá no campo da Feira de Paiosaco. O seu obxectivo é que o tradicional mercado que se fai todos os primeiros e terceiros domingos do mes volva a ser unha festa. Por esa razón, nesta ocasión decidiron cambiar o sábado polo domingo. Segundo explicou o presidente da entidade, Roberto Pazos, «coa celebración da Festa das Fabas, en outubro, descubrimos que o domingo era o día ideal para facer calquera tipo de encontro». E mañá, desde primeira hora, o Campo da Feira encherase dos tradicionais postos, pero tamén de música e baile. Así ata ben entrada a tarde. «Queremos que sexa como hai anos, que a xente quede a comer na feira, que o pase ben, que sexa un día de mercado e de festa», di Roberto Pazos. Para conseguilo, estarán os grupos da Asociación Queiroga, catro de baile, e outros de cantareiras, pandereteiras e gaiteiros. Pero non estarán sos. Con eles actuarán tres agrupacións da asociación cultural Catalmimbre, de O Burgo, catro da entidade Seixebra, de Moraña, e uns invitados moi especiais vidos dende moi lonxe: dous grupos da Agrupació de Ball Mallorquí Sas Sinia, de Consell, un pequeno pobo en Palma de Mallorca. Os seus integrantes chegaron onte pouco despois de aterrizar foron recibidos no Concello de A Laracha. «Isto será unha festa, pero tamén un intercambio cultural», explicou Pazos, quen xa ten preparado para eles un intenso recorrido por A Laracha. «Os levaremos a Caión, a Gabenlle, a Soandres...» Iso grazas á colaboración do Concello larachés, «que sempre axuda moito e non pon ningún reparo». O Encontro Folclórico comezará as nove da mañá cun pasarrúas por todo o recinto feiral e a continuación empezarán as actuacións das catro agrupacións. E para cando chegue a fame: degustación de sardiñas, churrasco, empanadas, xamón... «Isto vai a ser unha festa coma as de antes, como nos vellos tempos, ata as cinco ou seis da tarde», augura Roberto Pazos.