Monte Branco non esquece a figura de Eduardo Pondal

La Voz LA VOZ | CARBALLO

CARBALLO

ANA COTELO

A coral Xan Mella canta por primeira vez o himno escrito polo poeta e Pacual Veiga Isaac Díaz Pardo fará a ofrenda floral xunto ao monolito de Cospindo

16 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A Festa das Letras de O Couto chega hoxe ao seu ecuador e a un dos seus días grandes. A asociación cultural Monte Branco celebra o día dedicado á poetisa María Mariño, pero non esquece ao seu escritor de cabeceira, o bardo Eduardo Pondal, que precisamente da nome aos actos previstos para hoxe. A xornada comezará ben cedo, coa emisión en directo do programa Voces de Bergantiños , de Radio Voz, onde se celebrará o debate político entre os candidatos á alcaldía de Ponteceso. Polos micrófonos da emisora, que cambiará o seu escenario de Carballo pola Casa dos Veciños, pasarán tamén algúns dos históricos da entidade, que recordarán vellos tempos e falarán dos plans de futuro. Os asistentes visitarán despois a reitoral de Cospindo, futura sede da Fundación Eduardo Pondal, que está a ser rehabilitada polos alumnos do obradoiro de emprego, e sobre as 11.30 horas Alfonso Franco ofrecerá un concerto de harpa e violín. Pola súa banda, o grupo Casahamlet ten preparado un recital poético titulado Escuro enigma eu son , ao tempo que Isaac Díaz Pardo, Xelucho Abella e Xosé Pumar Gándara se encargarán de facer a ofrenda floral xunto ao monolito pondaliano do adro de Cospindo. O de hoxe será tamén un día de estrenos. A coral polifónica Xan Mella de Baio cantará por primeira vez ante o público a partitura do himno galego ao completo segundo a escribiron Pondal e Pascual Veiga, coincidindo, ademais, co centenario do seu estreno na Habana. Será algo especial para Monte Branco, pero tamén para os membros do grupo que dirixe Tatiana Pankrátova, xa que a de hoxe é a actuación número 50 da coral baiesa. Música e teatro A partir da unha está prevista a actuación de Cántigas da Terra, e despois tomará o escenario Jesús Couto, que cos seus acordeóns encargarase da sesión vermú. Despois do xantar, sobre as 16.30 horas, Caramuxo Teatro interpretará a obra Historia dunha semente , e a continuación celebrarase o recital poético Os soños na gaiola . Mamá Cabra actuará ás 17.30 horas e despois volverá Caramuxo Teatro, coa obra O Lazariño . O fin de festa será cousa das pandereteiras de Leilía, que de seguro farán bailar a máis de un a pesar do longo Día das Letras que os de O Couto teñen por diante. Tras o descanso da noite, mañá haberá moito máis da man de Talía Teatro, Raigañas e Fía da Roca, entre outros.