CRÓNICAS DA EMIGRACIÓN
28 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.EN 1985 xunto cos meus alumnos montevideanos do primerio curso de galego normativo que se impartiu no mundo fixemos unha visita guiada por San Martiño Pinario. Cando rematou a visita os comentarios eran de que o guía era estupendo porque impartiu unha clase maxistral de historia da arte sen facer ningún alarde de sabiduría. O anfitrión foi Uxío Romero Pose que daquela era o reitor do Seminario. Anos despois desta visita, unha vez por semana, tomábamos café na Quintana xunto con Gonzalo Rey Lama, o enxeñeiro xefe da empresa de construcción que estaba traballando no mosteiro compostelán. Uxío preguntábame por Montevideo e polos lobos de Tines e eu por Prisciliano (era o máis grande expecialista europeo na vida e obra do primeiro heresiarca galego) e Gonzalo polas viaxes a Roma. Era un baiés culto, intelixente e galeguista. Supoño que a súa actual morada madrileña é provisional porque todos os veciños de Baio saben que o seu lugar está na beira do río Grande. Cando Uxío volva, con el virán os seus libros. Unha biblioteca especializada nos pais fundadores da Igrexa católica, de inmenso valor e que en varias oportunidades manifestou que cando houbese unha instalacións axeitadas a doaría para a súa vila. No pasado verán estivo polas Torres do Allo. Falou comigo e preguntoume se había sitio no pazo para os seus libros. A miña resposta foi que aínda non remataran as obras e que debía agardar un pouco. Foi unha mentira piadosa. Non quixen chafarlle a súa xenerosa intención coa verdade de que o primeiro pazo de Galicia non ofrecía ningunha garantía para a preservación de tan valiosa doazón. Cando Uxío volva será para sorrír feliz ollando para unha sinxela praca de só dúas palabras: Graciñas, Uxío.