In memoriam

| FARRUCO GRAÑA |

CARBALLO

NOVOS TEMPOS

22 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

CANDO A historia de Ramón Sampedro comezou a saír nos medios de comunicación espertou moitísimo interese, tanto aquí como fóra do país. A enteireza con que expoñía a súa maneira de entender a vida, e o pouco sentido que podía ter en determinadas circunstancias, chamaba enormemente a atención. Houbo xente á que lle rompeu moitos esquemas. Non entendían como un home «da aldea» podía dicir esas cousas, cando só cabería agardar del un pensamento conservador ou que fora á misa os domingos e festas de gardar. Inmanuel Kant, un filósofo alemán do século XVIII, non saíu da súa vila, Koënisberg. Pero lía moito, e tiña grandes conversas cos mariñeiros que chegaban a porto. Ramón Sampedro viaxou de mozo. Tras o fatal accidente seguiu a facelo a través do mundo dos libros, ese inmenso océano. Tamén o fixo escoitando a todos aqueles e aquelas que acudían a visitalo. Estando polo mundo adiante, era un orgullo poder falarlle aos meus alumnos e alumnas dunha persoa como Ramón Sampedro. Para Ernesto Chao seguro que foi un honor poder representar a súa historia. O inmenso acerto de Amenábar e o seu gran labor en Mar adentro non debe facernos esquecer que xa en 1999 a produtora Continental TV e Euroficcións SL recrearon a vida de Sampedro en Condenado a vivir . Dirixida por Roberto Bodegas, rodouse en decembro do 1999 e mostrou ao mundo paraxes de Caión, Barrañán e Maicela. Posteriormente foi nominada pola Forta como a súa representante para os premios Emmy (os Oscar do mundo da televisión). Outra ocasión máis na que a nosa comarca se deu a coñecer mundo adiante.