Punto de cruz

A. MARTÍNEZ

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

07 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

HOXE É un día sinalado, no que se lembran feitos sociais que marcaron un importante cambio na historia laboral da muller. Datas simbólicas coma ésta, que non fai moitos anos pasaban sen pena nin gloria nunha comarca pouco comprometida coas reivindicacións sociais, están acadando gran proxección, fundamentalmente pola implicación das Administracións nunha loita que antes sostiñan as poucas organizacións de mulleres que existen na Costa da Morte. As cousas cambiaron, efectivamente. Proba delo, por exemplo, e xa que estamos en datas preelectorais, é a elaboración dunha lei de igualdade que establece, entre outras cousas, unha cota mínima de participación da muller nas listas electorais. A proposta, por certo, non ten moi boa acollida, e algúns partidos recoñecen que non vai ser doado introducir un 40% de mulleres, como mínimo, nas candidaturas, e moito menos en postos de saída. Aínda falta moito para que a presenza da muller na política activa estea normalizada, e moito me temo que facelo a golpe de decreto non será a solución. Pero, máis alá do acordo ou da discrepancia coa lei, estes días chaman a atención as declaracións dos concellos sobre todo canto levan traballando en «políticas activas de igualdade» e na elaboración de plans de igualdade de oportunidades que, sinceiramente, penso que quedan case sempre en simples declaracións de intencións. Outros, por exemplo, destacan que as mulleres son ampla maioría nas actividades formativas que programan. Claro que para iso tamén hai outra lectura: que hai moitas máis mulleres desempregadas que homes. Que nun curso de ganchillo haxa 50 mulleres e ningún home non creo que poida considerarse como resultado de ningunha política activa de emprego. En todo caso, a igualdade chegará cando tamén haxa homes nas clases de ganchillo, ou nas de punto de cruz.