Crónica | Os cormeláns preparan o seu dicionario
29 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.?Aos de Corme non hai que os entenda», aseguraba non hai moito tempo un coruñés tras pasar uns días na localidade pontecesana. Costáballe entender algúns dos termos que utilizaban os veciños, palabras que este turista non oíra na súa vida e que lle soaban a chino. O seu problema lingüístico ten desde onte fácil solución grazas ao Dicionario Enciclopédico Cormelán que está a elaborar a Asociación de Veciños Eduardo Pondal a través da súa páxina web (www.corme.net) e na que todo o que queira pode facer as súas aportacións. De momento, o dicionario inclúe xa uns 70 termos e frases feitas, todos eles coa súa definición. De momento abundan, sobre todo, os apelativos, e non precisamente os máis positivos. Así, por exemplo, para os cormeláns, como ocorre noutros lugares da comarca, un «apampanado» é un pasmón, aos que en Corme tamén lle chaman «paduanos». Hai outras palabras moito máis propias dos habitantes de Corme. Un «baldraghas», ao que tamén denominan «loghis» ou «peruano» é, segundo explican, «a persoa que anda con media camisa por dentro do pantalón e media por fóra, coa petrina aberta». Este último término utilízanno tamén para definir aos máis festeiros. Explican no dicionario que «se chegas de noite moi tarde varios días seguidos sen haber festas, seguro que vas ter que oír: 'Levas a vida do Peruano'» Aos perguiceiros dinlles «lorchán» ou «lofas» e incluso «ghesuseiro», e aos que perden o tempo enredando con calquera cousa os cualifican de «paxumeiro» ou «molexo». Tampouco é nada positivo que a un o chamen «Eduardiño» xa que, segundo explican, ven a ser algo así como inxenuo. «¿Ti cres o que che están dicindo estes? Es ben Eduardiño», poñen como exemplo no dicionario, onde aseguran que é un dos termos máis recentes e cren que «ten orixe en Eduardo Nolavejo». A «culimaia» é un grupo de xente con connotacións negativas, o «cuzo» é o chismoso e o «landrú», alguén moi malo. Ademais de termos propios, o dicionario cormelán inclúe tamén algunhas frases feitas únicas no lugar. Por exemplo, explican que «se convidas a uns amigos a pasar uns días na túa casa e, pouco tempo despois, cádrache de convidar a outros, no pobo dirase que a túa casa parece 'A casa de Tía Carme de Tella'». Pola súa banda, o «Tío Rabiceiro» é unha persoa moi agarrada. O dicionario admite as propostas dos veciños, que poden facelas a través da páxina web da asociación veciñal. De existir hai uns meses, é probable que o coruñés do principio entendese por que os de Corme lle mandaban coller o «ghillén», en vez do autobús que vai a A Coruña.